Translate

mércores, 26 de novembro de 2014

Que mellor maneira de celebrar o 75 aniversario do Consejo Superior de Investigaciones Científicas

Que mellor maneira que participando na xornada de portas abertas da Misión Biolóxica de Galicia o 24 de novembro. Así que collemos o bus e fomos a Pontevedra, onde xa nos estaban esperando, como amosaba  o seu Twitter:


Durante unhas horas que souberon a pouco, algúns dos científicos e científicas que alí traballan, abríronnos as portas dos seus laboratorios, explicáronnos os seus traballos e  fixéronnos participar nas súas investigacións. Aprendemos moito sobre algúns doscultivosmáis relevantes de Galicia. Ademais visitamos o parque e o pequeno museo científico. Ao final fixémonos a xa tradicional foto fronte ao hórreo. 
Se queredes saber máis da historia do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, CSIC, podedes ver o seguinte vídeo:



martes, 25 de novembro de 2014

Primeira Medalla Fields para un matemático latinoamericano

Artur Ávila
Artur Ávila é un matemático brasileiro de 35 anos. Traballa en Francia, no CNRS. O pasado mes de agosto converteuse no primeiro brasileiro en gañar a Medalla Fields. Como tamén ten nacionalidade francesa, proporcionou a este pais a súa decimoterceira medalla.
É experto en sistemas dinámicos, é dicir, sistemas que evolucionan segundo unha regra que relaciona o seu estado presente cos seus estados pasados.
Estuda as solucións das ecuacións diferenciais que describen os sistemas dinámicos.En concreto, o comportamento a longo prazo das súas traxectorias que poden ser regulares, e ter un comportamento estable, ou estocásticas (ao chou), cando teñen un comportamento caótico.
Traballando en sistemas dinámicos, foi quen de resolver, xunto coa matemática Svetlana Jitormiskaya, o "problema dos dez martinis" que establece que o espectro de enerxía dun electrón que se move nun campo magnético, presenta para certos valores que aparecen  na ecuación de Schrödinger, un comportamento fractal. O problema recibe este nome porque o matemático norteamericano que o propuxo, Barry Simon, prometeu pagar dez martinis a quen o resolvese.

luns, 24 de novembro de 2014

40 anos do descubrimento de Lucy

 Donald Johanson, descubridor de Lucy, con Lucy
 No ano 1973,  o antropólogo estadounidense Donald Johanson, que se encontraba traballando en Etiopía,  descubriu un fósil de xeonllo moi parecido ao dun humano. Ao  ano seguinte, o 24 de novembro de 1974, atopou o esqueleto de homínido máis completo descuberto ata aquel momento. O fósil correspondía a unha femia bípeda cun cerebro moi pequeno e tiña 3,2 millóns de anos de antigüidade. Chamarona Lucy, pola canción dos Beatles. Máis adiante deuselle un nome científico, Austrralopithecus afarensis
Cando estudamos a evolución humana, preguntámonos que nos fixo humanos. Foi o noso gran cerebro? Foi a nosa capacidade de camiñar de pe? E que foi primeiro? O descubrimento de Lucy, amosounos que os nosos antepasados, camiñaron ergueitos moito antes de comezar a fabricar as primeiras ferramentas de pedra e de desenvolver cerebros grandes. Parece que a bipedestación foi o primeiro.
Nesta páxina podedes escoitar a historia do descubrimento de Lucy contada por Donald Johanson. Está en inglés, neste enlace podedes encontrar a tradución completa ao español.

domingo, 23 de novembro de 2014

Un reto para celebrar os 155 anos da publicación do libro, A Orixe das Especies

Mañá, 24 de novembro, cumpriranse 155 anos da publicación do que está considerado o libro de Bioloxía máis importante xamais escrito: A Orixe das Especies. O libro no que Charles Darwin expuxo a súa Teoría de Evolución por Selección Natural.
Sabemos que a Darwin non se lle ocorreu esta teoría simplemente polas observacións que realizou mentres viaxaba no Beagle. Por suposto que foron fundamentais, pero tamén o foron os traballos doutros científicos. Nomeadamente, os do xeólogo  Charles Lyell e os do economista Thomas Malthus. Lyell afirmou que a Terra se formara gradualmente mediante procesos moi lentos que transcorreran ao longo de moitísimo tempo. Malthus estudou as poboacións humanas e descubriu que cada ano nacían máis individuos dos que morrían. Chegou a conclusión de que a poboación medraba con máis rapidez que os alimentos. Prediciu que chegaría un momento no que non habería recursos para todos e a humanidade se enfrontaría á fame negra e a enfermidade. 
Neste contexto intelectual, Darwin construíu a súa extraordinaria teoría da evolución. Grazas a el, descubrimos que as especies que habitan a Terra cambian co paso do tempo - o que Darwin chamou descendencia con modificación - e soubemos que tódolos seres vivos estamos emparentados e compartimos un antepasado común.
Propóñovos un reto, lede este libro, ou polo menos, botádelle un ollo, asegúrovos que paga a pena. Tendes onde escoller, a opción máis doada, a que eu vos recomendo é ler unha boa tradución. Aquí vos deixo unha en 3 tomos: tomo1, tomo 2, tomo 3. Para os máis atrevidos e as máis atrevidas, con bo dominio do inglés, ou con ganas de adquirilo, directamente a versión orixinal. Ánimo, todo o que falamos en clase sobre a teoría de Darwin e moito máis está aí, contado por el mesmo.

xoves, 20 de novembro de 2014

Cruz Gallástegui, primeiro director da Misión Biolóxica de Galicia

http://www.educabarrie.org/sites/default/files/imagecache/dest2c/recurso_educativo/destacado/gallastegui.png
Dende hai 6 anos, cada 23 de abril, celébrase o día do científico galego.
No ano 2010 este día dedicouse ao primeiro director da Misión Biolóxica de Galicia, D. Angel Cruz Gallástegui Unamuno.
 Este enxeñeiro agrónomo vasco chegou a Galicia e se formou como xenetista aconsellado e axudado polos seus amigos galegos, os irmáns Julio e Juan López Suárez. Á fronte da Misión Biolóxica, puxo o seu saber ao servizo da modernización do campo galego. Identificouse tanto con esta terra que pasará á posteridade como científico galego.
Cruz Gallástegui aprendeu as técnicas de investigación xenética  nos Estados Unidos, cunha bolsa da JAE, ao lado dos mellores especialistas en xenética aplicada do momento. Ao seu regreso ao país, levounas á práctica, dende o seu posto de director da Misión Biolóxica de Galicia, un dos dous centros fundamentais na investigación xenética na España da época, xunto co Laboratorio de Bioloxía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid.
Como xa comentamos na entrada anterior, a creación en abril de 1921 da Misión Biolóxica de Galicia foi o resultado do esforzo dun grupo de persoeiros galegos, a maioría deles membros da Real Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago. Esta elite intelectual traballaba para sacar a Galicia do seu atraso.
 O labor de Cruz Gallástegui e, moi especialmente, o seu interese pola transferencia tecnolóxica son o mellor exemplo da importancia que ten para o desenvolvemento dun país a formación dos seus investigadores e o apoio ao traballo que realizan nos centros de investigación.
A “Junta para Ampliación de Estudios”que a principios do século XX aportou os medios económicos para a formación de profesores e investigadores nos mellores centros de Europa e Estados Unidos, comezou a súa andaina no ano 1907. Presidida por D. Santiago Ramón y Cajal – Premio Nobel de Medicina no ano 1906 - fundouse nun clima de optimismo e desexos de innovación que comezou a esmorecer coa terrible crise económica na que se sumiu o pais entre 1920 e 1935.

mércores, 19 de novembro de 2014

A "Pequena Idade de Ouro da Ciencia en Galicia"


A Misión Biolóxica de Galicia, Pazo de Gandarón, Parroquia de Salcedo ( Pontevedra)

O vindeiro 24 de novembro asistiremos á  xornada de portas abertas da Misión Biolóxica de Galicia, inaugurada nos anos vinte do século pasado. A historia da creación deste centro de investigación danos unha idea do dinamismo da sociedade galega daquela  época. Fálanos da visión de homes como Juan López Suárez. Este médico lugués intuiu a importancia da investigación nunha ciencia  nova, a xenética. Traballou para que un dos dous primeiros centros de investigación xenética que se ían crear en España, tivese a súa sede en Galicia. Negociou co presidente da Junta de Ampliación de Estudios o Premio Nobel, Santiago Ramón y Cajal. E conseguiu que no mes de abril do ano 1921, a Misión Biolóxica chegase a Galicia. En 1928 instalouse definitivamente en Pontevedra, no Pazo de Gandarón, na Parroquia de Salcedo, onde se encontra na actualidade.

luns, 17 de novembro de 2014

A Medalla Fields


Xa sabemos que a Medalla Fields é o equivalente ao Premio Nobel de Matemáticas. Agora imos botarlle unha ollada de perto.
 A Medalla Fields ten 9 centímetros de diámetro e está chapada en ouro
 No anverso da medalla está a cara de Arquímedes, co seu nome en grego (APXIMHDOYS). Arredor hai unha inscrición en latín, "Transire suum pectus mundoque potiri" que se pode traducir por: superar os límites da intelixencia para conquistar o Universo .
No reverso aparece o debuxo da esfera inscrita no cilindro recordando o resultado deArquímedes que establece que nesas condicións o volume da esfera é 2/3 do volume do cilindro, mentres que a área da esfera é 2/3 da área do cilindro. Sobre o debuxo hai outra frase en latín: "Congregati ex toto orbe mathematici ob scripta insignia tribuere"que significaría: matemáticos de todo o mundo reunidos renden tributo por obras notables.
O nome do premiado vai inscrito no canto.

domingo, 16 de novembro de 2014

Manjul Bhargava, primeiro matemático de orixe hindú galardoado coa Medalla Fields

Manjul Bhargava

Fillo de inmigrantes hindúes, Manjul Bhargava ten as nacionalidades canadiana e norteamericana. Este catedrático da Universidade de Princeton acaba de cumprir 40 anos. Como experto en Teoría de Números, estuda os números enteiros, especialmente os números primos.  Entre os seus logros está ter ampliado e simplificado o traballo do lendario matemático alemán do século XVIII, Carl Friedrich Gauss, coa axuda dun cubo de Rubik. Tamén investiga as curvas elípticas, obxectos que permiten pasar da Teoría de Números á Xeometría para atopar solucións racionais a unha ecuación.

sábado, 15 de novembro de 2014

Maryam Mirzhakani, primeira muller premiada coa Medalla Fields

A primeira muller distinguida coa medalla Fields
O pasado mes de agosto, Maryam Mirzakhani, converteuse na primeira muller gañadora da Medalla Fields. Esta matemática iraní ten 37 anos e é catedrática de matemáticas da Universidade de Stanford. A súa investigación está centrada nas superficies de Riemann, os espazos de móduli e os sistemas dinámicos. Un exemplo de superficie de Riemann sería unha esfera e un tipo especial de sistemas dinámicos son os billares poligonais.
Para entender a importancia desta medalla tedes que ser conscientes do desequilibrio de xénero que se segue dando nesta ciencia. Así, aínda que cada vez máis rapazas deciden estudar matemáticas, segue habendo moitos máis matemáticos que matemáticas.

As medallas Fields do ano 2014

Maryam Mirzakhani, Artur Ávila, Manjul Bhargava, e Martin Hairer

Estes catro matemáticos, menores de 40 anos a 1 de xaneiro de 2014, son os gañadores da Medalla Fields deste ano. Esta distinción é a maior que pode recibir un matemático e, nese sentido, equivale ao Premio Nobel de matemáticas. Porén é algo diferente. Para empezar, a Unión Matemática Internacional non concede  este galardón anualmente senón cada catro anos, coincidindo coa celebración do Congreso Internacional de Matemáticas. Ademais, hai un límite de idade para recibilas, 40 anos. Prémiase a un mínmo de 2, e un máximo de 4 matemáticos cada vez.
Este ano, o congreso tivo lugar en Seúl e  premiou á iraní Maryam Mirzhakhani, ó brasileiro Artur Ávila, ó canadiano de orixe hindú Manjul Bhargava, e o austríaco Martin Hairer.

mércores, 12 de novembro de 2014

Conseguímolo! Philae aterrou no cometa Churyumov-Gerasimenko


 
Xa estamos alí, pousados por primeira vez na superficie dun cometa, listos para cartografalo e analizar a súa composición química e mineralóxica. Desexando saber máis sobre a orixe do Sistema Solar, os nosos océanos e a vida.  Estudando a maneira de perfeccionar a tecnoloxía que nos permite obter enerxía de fontes limpas e renovables como a luz do Sol. Serviranos tamén para aprender a evitar futuros impactos de cometas ou asteroides. Parécevos que paga a pena investir en Ciencia?

luns, 10 de novembro de 2014

Feliz día da ciencia

A maioría de vós xa lle perdestes o medo a escribir e iso nótase nos vosos blogues que empezan a amosar as vosas preferencias e o voso estilo persoal. Noraboa e seguide así. E os demais? Os que aínda non estades convencidos de que podedes escribir un blogue? Pois, aproveitando que hoxe é o día da ciencia, vouvos poñer por escrito as recomendacións das que falamos estas últimas semanas. Non é necesario que a entrada sexa excesivamente longa. Unhas poucas liñas escritas por vós son suficientes. Tede claro que é o que queredes contar e como queredes contalo. Non está de máis que fagades un esquema. Recordade que o texto ten que ter tres partes, a introdución, o corpo e as conclusións. Ordenade as vosas ideas  e buscade feitos ou exemplos que as apoien. Despois, empezade a escribir. Cando rematedes, deixade repousar o texto, aínda que só sexa por pouco tempo e volvédeo ler máis adiante. Repasádeo de principio a fin. Engadide texto, quitádello, cambiádeo de posición, comprobade a puntuación, o uso dos verbos e a ortografía.Unha vez terminada a redacción, engadide unha imaxe e unha ligazón que amose as fontes que utilizades e a vosa entrada estará lista. Necesitades máis consellos?Cando empezades?

venres, 7 de novembro de 2014

Manifesto de Anxo Carracedo

Un grande empresario dicíame non hai moito tempo: “Aos científicos valorarannos aquí cando algún se faga moi rico cos seus achados”.
A min non me parece que os galegos valoren pouco a ciencia e os seus científicos. Ao contrario, penso que estamos entre as profesións mellor consideradas. Temos a gran sorte de que a xente da nosa terra valora o traballo e a dedicación aos demais por riba de todo.
Tampouco creo que ningún científico teña entre os seus obxectivos facerse rico. O seu tesouro é o coñecemento e a súa ilusión buscar o porqué das cousas. A súa gran ledicia prodúcese cando fan un descubrimento que lles dá respostas ás preguntas que se fixeron e que ninguén fora quen de albiscar.
Gustaríalles traballar na súa terra, pero para iso precisan medios para investigar e un salario que lles permita vivir. Non lles importa que non sexa moito o que gañen, pero si que o proxecto, o grupo onde traballan e o ambiente sexa estimulante.
E temos que procurar entre todos que estas condicións se dean aquí. O noso número de investigadores é aínda moi baixo e as condicións nas que se desenvolve o seu traballo distan moito de ser comparables coas dos países máis desenvolvidos.
E é preciso cambiar esta situación. A investigación é o motor do desenvolvemento e da riqueza dos pobos, e temos que procurar reter o noso talento e mesmo captar novo talento do exterior.
Tamén temos, os propios científicos, que integrarnos máis na sociedade, na nosa cultura, no noso sistema produtivo, e sobre todo contar o que estamos facendo.
Cos anos cada vez concédolle máis importancia a divulgar a ciencia. Facela é importante, pero tanto ou máis é contar que sabemos e tantos e tantos misterios e problemas que aínda non conseguimos chegar a entender. Saber isto é a única maneira de que a xente valore o que os científicos fan, pero sobre todo é a única maneira de comprender o mundo que nos rodea e poder xulgar criticamente o que nos din, o que é igual que ser máis libres.
E para chegar á xente da nosa terra hai que facelo no nosa lingua. “Sentímolo noso”, escribía unha mestra dun dos institutos (o meu favorito) onde cada vez que podo voulles contar o que facemos aos alumnos. Entusiasmo e proximidade son a clave da divulgación científica, e que te sintan como eles, do seu mundo, coa nosa fala, é a garantía para que a ciencia se aprecie aínda máis e moitos dos nosos rapaces queiran dedicarse a ela.

Texto do científico Anxo Carracedo con motivo da celebración do Mes da Ciencia

xoves, 6 de novembro de 2014

mércores, 5 de novembro de 2014

Rosetta e Philae preparados para investigar o cometa Churyumov-Gerasimenko

O día 12 de novembro, se nada falla, a misión Rosetta da axencia espacial europea (ESA) conseguirá que o módulo Philae aterre sobre o Churyumov-Gerasimenko. Este cometa, formado por xeo, pó e moléculas orgánicas ten un tamaño similar ao Mont Blanc e se se pousase sobre o mar aboiaría, xa que ten a mesma densidade que a madeira de pino. De feito, a súa gravidade é tan débil que Philae leva uns arpóns para agarrarse ao cometa e evitar rebotar cara ao espazo. Por que interesa estudar un cometa? Por moitas razóns, para empezar, pénsase que os cometas están formados polos restos da materia primordial que hai 4.600 millóns de anos deu lugar á formación do Sistema Solar, polo que o seu estudo axudaríanos a entender como se formou. Tamén poden proporcionar datos fundamentais sobre a aparición da vida na Terra. Para iso, Philae buscará aminoácidos e analizará o xeo do cometa. Porque a vida xurdiu nos océanos que, como sabedes, teñen unha orixe descoñecida. Foron os cometas os que trouxeron a auga á Terra e os que a sementaron coa materia orgánica que fixo posible a aparición das primeiras células?. Esperemos que a misión Rosetta nos axude a responder estes enigmas. Listos para asistir a unha aterraxe histórica?


E agora un pouco de ciencia ficción.