Translate

martes, 1 de decembro de 2015

Obxectivo: acabar coa SIDA en 2030

O VIH é un retrovirus  que foi illado por primeira vez en 1983, no Instituto Pasteur de Paris. Este descubrimento culminaba anos de traballo na percura do axente causal dunha nova e descoñecida enfermidade infecciosa e mortal que destruía o sistema inmune. Os enfermos morrían a causa de infeccións oportunistas provocadas por microorganismos, como o fungo Pneumocystis, inofensivo para as persoas sás. A enfermidade recibiu o nome de SIDA (Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida). No ano 2008, o médico e biólogo, Luc Montagnier e a súa colaboradora, Françoise Barré Sinoussi, recibiron o Premio Nobel de Medicina por identificar o VIH.
Dende que se coñeceu a natureza do virus e as súas vías de transmisión comezou a percura de tratamentos eficaces para acabar con el e déronse recomendacións para non contraer a enfermidade: usar preservativos, non compartir xiringas, e facerse a proba se existen sospeitas dun posible contaxio. Aínda que o mellor segue sendo previr a infección, na actualidade existen potentes antirretrovirais que aumentaron enormemente a supervivencia das persoas infectadas polo VIH, medicamentos que permiten imaxinar que no ano 2030, esta enfermidade terá desaparecido
Durante estes anos os enfermos e as súas familias tiveron que loitar ao mesmo tempo contra a enfermidade e contra o estigma e a discriminación que a acompañan. A película, " E  a banda seguía tocando" reflicte moi ben o terror, desconfianza e desconcerto que provocou a aparición da SIDA na sociedade da época e o esforzo realizado pola comunidade científica para resolver o enigma que supoñía esta enfermidade.

luns, 30 de novembro de 2015

Cumio do Clima de París, última oportunidade


Comezou o Cumio do Clima en París. Os países de todo o mundo tratan de chegar a un acordo para diminuír a liberación de gases de efecto invernadeiro a atmosfera. Estas emisións, sobre todo as de dióxido de carbono, están provocando  un aumento da temperatura media da Terra. Unha das consecuencias máis visibles deste quentamento global é a fusión das grandes masas de xeo do planeta que cobren lugares como o Océno Glacial Ártico, a Antártida ou Groenlandia. O aporte masivo de auga, procedente deste desxeo, aos océanos, empeza a provocar un aumento do nivel do mar que fará que extensas zonas costeiras, queden baixo as augas. Parece ser que somos a primeira xeración en notar os efectos do Cambio Climático e a derradeira que pode tomar medidas para evitar a catástrofe ambiental que nos ameaza.  Se pensades que isto non vai con vós, recoméndovos que vexades este video.


Como comezou a vida na Terra?



En realidade, ninguén sabe con certeza como comezou a vida na Terra. Si que parece que se orixinou con certa rapidez. Así que 1000 millóns de anos despois da formación do planeta, xa existían seres vivos poboando os seus océanos. 
Pero, que é a vida? Esta é unha pregunta moi difícil de responder. A falta dunha definición definitiva, podemos citar as características e funcións que presentan os seres vivos: 

1) Posúen estruturas altamente ordenadas que manteñen cun gasto constante de enerxía.
2) Evolucionan e adáptanse a un medio ambiente cambiante.
3) Captan estímulos do medio e elaboran respostas.
4) Reprodúcense e dan lugar a descendentes iguais ou parecidos.
5) Conteñen información xenética que controla o seu patrón de crecemento e desenvolvemento.
6) Procesan enerxía e materia.
7) Regulan as condicións do seu medio interno.

A isto temos que engadir, que a vida require un determinado nivel de complexidade, o nivel celular. Non existe vida fóra da célula. A célula é polo tanto a unidade máis pequena que posúe vida. En canto a importancia, a célula é para a Bioloxía o que o átomo para a  Química.

Á extraordinaria bióloga Lynn Margulis (1938-2011), debémoslle unha das teorías máis rompedoras sobre a orixe das células eucariotas, as que forman moitos seres unicelares e tódolos pluricelulares do planeta,  A Teoría Endosimbiótica ven dicir que a célula eucariota se formou por simbiose de células procariotas. Vamos, que as nosas células son resultado da simbiose entre microbios, concretamente bacterias. No seguinte vídeo podedes escoitar a entrevista que lle fixo Eduardo Punset a Lynn Margulis. Escoitádea con atención.



luns, 23 de novembro de 2015

25 de novembro de 2015, 100 anos da Teoría da Relatividade


O 25 de novembro de 1915  Albert Einstein presentou en Berlín a súa Teoría Xeral da Relatividade. Nun artigo que se publicaría o 2 de decembro dese mesmo ano, Einstein reformulaba a Teoría da Gravidade de Newton, introducindo unha idea novidosa, que a gravidade se produce porque a materia deforma e curva o espazo e o tempo, e que ese espazo-tempo deformado e curvado determina o movemento da materia que se encontra no seu contorno.
 Pasaran dez anos dende que en 1905, cando aínda era un empregado da oficina de patentes de Berna, publicara os catro artigos que convulsionarían  a comunidade científica da época. 
 Primeiro, afirmou que a luz, considerada unha onda naquela época, en realidade estaba formada por unhas partículas que hoxe en día chamamos fotóns, ampliando a Mecánica Cuántica de Max Planck.
 A continuación, publicou cálculos que corroboraban a Hipótese Atómica, a idea de que a materia estaba formada por átomos.
Máis adiante, completou a Teoría da Relatividade Especial  que describía un comportamento completamente inesperado do espazo-tempo que provocaba que velocidades, distancias e duracións dependesen do observador.
E para culminar un ano marabilloso publicou a ecuación máis famosa da ciencia:
  E= mc2
 A ciencia progresa pouco a pouco, pero de cando en vez,  unha mente xenial e inspirada como a de Einstein, provoca unha revolución científica. Agora fai falta outra capaz de unificar a gravidade coas outras tres interaccións fundamentais da natureza: a electromagnética, a nuclear forte, e a nuclear débil.



xoves, 12 de novembro de 2015

Viaxamos a bordo de balsas de granito



Levamos varias semanas profundizando na actividade xeolóxica do planeta. Descubrimos que o fondo oceánico se encontra nun proceso continuo de extensión e destrución. Comprobamos que este proceso provoca o desprazamento dos continentes, enormes masas graníticas, lixeiras, que aboian sobre as rochas do manto. Sorprendeunos saber que a maioría destas rochas graníticas se formaron pola fusión dunha codia basáltica antiga en presenza de auga. Todo impulsado pola enerxía que proporciona o calor interno deste planeta de 4.500 Ma. E mentres nos mergullabamos nas grandes teorías da Xeoloxía, descubríase o astro máis lonxano do Sistema Solar,V74104 e o exoplaneta máis próximo a nós, GJ1132b. 





mércores, 4 de novembro de 2015

Grazas por participar no Día da Ciencia en Galego


E aí están atentas e atentos as explicacións e participando a través de Twitter


 Así dá gusto organizar unha actividade. Atendestes á videoconferencia, xunto a 6.200 estudantes de 106 centros de toda Galicia. Recibistes unha lección maxistral de neurociencia, impartida por un profesor universitario e neurocientífico de primeiro nivel, como Xurxo Mariño. Preguntastes activamentente, a través de Twitter , e os máis afortunados obtivestes unha resposta inmediata ás vosas dúbidas. A todos os que colaborastes, asististes e participastes...Moitas Grazas!
E como estamos lanzados a gozar da ciencia en galego, aí vai a ligazón a canle de ciencia en galego que se acaba de estrear en Vimeo. Ánimo, como nos explicaron pola mañá, a lingua que falamos condiciona a nosa maneira de ver o mundo. Nós temos a sorte de falar varias que enriquecen a nosa visión da realidade que nos rodea.
 



venres, 30 de outubro de 2015

O Día da Ciencia en Galego no IES Praia Barraña

O vindeiro mércores 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego. Vós xa sabedes que as linguas son unha riqueza e que todas son válidas para falar e escribir sobre calquera tema. Porén, aínda hai quen pensa que hai linguas máis idóneas que outras para facer ciencia. Por iso, neste día insistimos en que non só se pode facer ciencia en galego, senón que hai grandes científicos facendo ciencia en galego. É o caso do biólogo Xurxo Mariño que investiga no campo da neurociencia. Teremos a oportunidade de escoitalo en directo, durante a proxección da videoconferencia, "A máquina que constrúe a mente e a realidade". Así celebraremos este Día da Ciencia en Galego no IES Praia Barraña. De momento, déixovos este vídeo de Xurxo Mariño.



mércores, 28 de outubro de 2015

Mates e cultura científica


"Una de mates" é unha produción da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco. Moi recomendable para todos e todas os que desfrutades aprendendo mates a través de vídeos divertidos e de curta duración... Emítense os mércores ás 23:30 en "La 2" de TVE, no programa de divulgación científica "Órbita Laika". Neste amosan como calcular o volume dun cilindro e axúdannos a entender a importancia de saber calculalo. A ver se vos resulta interesante.


martes, 27 de outubro de 2015

Yondelis de Pharmamar primeiro antitumoral español aprobado en Estados Unidos

Ecteinascidia turbinata, organismo do que se obtivo inicialmente a trabectedina



 Na percura de novos principios activos para fabricar medicamentos, as industrias farmacéuticas estudan todo tipo de seres vivos. Foi así como os investigadores da empresa  Pharmamar, fundada en Galicia hai 30 anos, deron coa trabectedina, unha molécula que destrúe as células tumorais dos sarcomas de tecidos brandos como o cancro de ovario, en fases avanzadas da enfermidade. Inicialmente obtívose da Ecteinascidia turbinata, pero na actualidade prodúcese de maneira sintética.
O medicamento leva anos comercializándose en Europa co nome de Yondelis e este mes a axencia americana de alimentos e medicamentos acaba de aprobar o seu uso. Deste xeito, un antitumoral desenvolvido en Galicia, convírtese no primeiro fármaco español aprobado nos Estados Unidos.
Isto danos unha idea da calidade da investigación científica que se leva a cabo no noso país.

luns, 19 de outubro de 2015

Día mundial contra o cancro de mama


Todo comeza un día tras unha consulta médica ou unha autoexploración. A aparición dun bulto no peito é o sinal de alarma. A partir dese momento, é fundamental actuar con rapidez. Hai que confirmar que se trata dun cancro de mama Para iso realízase unha biopsia. Se o resultado é positivo, é dicir, se se detectan células cancerosas, hai que extirpar o tumor. Así se evita que as células malignas migren a outros órganos e se produza a temida metástase. O tecido óseo é un dos primeiros que tentarán colonizar. 
O cancro de mama é o que ten maior incidencia entre as mulleres, aínda que tamén se poden dar casos en homes. A prevención, o acceso a tratamentos eficaces e a investigación médica son as bases da loita contra este cancro. O diagnóstico precoz, nas fases iniciais da enfermidade, é fundamental para que o tratamento teña éxito. 
Aínda que, na actualidade, moitas mulleres conseguen superar o cancro de mama, confiemos en que, a longo prazo, a investigación consiga a cura definitiva desta enfermidade.

xoves, 15 de outubro de 2015

16 de outubro Día Mundial da Alimentación





Tal día coma hoxe, hai 70 anos, creouse a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO. A misión deste organismo é concienciar do problema da alimentación no mundo e loitar para erradicar a fame, a inseguridade alimentaria, a desnutrición e a pobreza. Tamén impulsar o progreso económico e social para todos, e a utilización sostible dos recursos naturais. O lema deste ano é: O reto da fame cero. Unidos por un mundo sostible.
  • Cero retraso no crecemento de nenos e nenas menores de dous anos.
  • Que o 100% das persoas teñan acceso a unha alimentación axeitada ao longo de todo o ano.
  • Que tódolos sistemas alimentarios sexan sostibles.
  • Aumentar o 100% a produtividade e o ingreso dos pequenos produtores.
  • Cero desperdicio de alimentos e perdas postcolleitas. 
O seguinte vídeo, amósanos as dimensións que acada o desperdicio de alimentos nos países máis desenvolvidos do planeta e como afecta este desperdicio aos países produtores, menos desenvolvidos.
Podémonolo permitir?


mércores, 7 de outubro de 2015

Premio Nobel de Química 2015

Lindahl, Modrich e Sancar
Un médico sueco, un bioquímico estadounidense e un médico turco son os gañadores do Premio Nobel de Química 2015.  Que teñen en común as investigacións de Tomas Lindahl,   Paul L.Modrich  e Aziz Sancar? Que  todas están relacionadas co estudo dos mecanismos de reparación do ADN.
Esta molécula que controla o funcionamento da célula, sufre danos constantes pola acción de axentes físicos e químicos, estes danos son a principal causa de cancro. Por sorte para nós, a celula posúe unha boa caixa de ferramentas, para reparalos. Os equipos dirixidos por estes investigadores contribuíron a descifrar os misterios desta caixa. Un novo Premio Nobel para a investigación no ADN e un novo paso cara á curación do cancro.


venres, 2 de outubro de 2015

Buracos Negros nun Universo Violento

É o título do vídeo que vos deixo para a fin de semana. Para que lle deades un repaso rápido aos buracos negros que tanto vos interesan. Hoxe preguntabades que pasa no interior dos buracos negros. Non se pode saber porque atrapan a luz. Todo o que ocorre máis alá do horizonte de sucesos é un misterio. So se pode investigar o que pasa no seu entorno inmediato.



xoves, 1 de outubro de 2015

25 anos do inicio do Proxecto Xenoma Humano

Hoxe, 1 de outubro, cúmprense 25 anos dende o inicio do Proxecto Xenoma Humano. Entre 1990 e 2003, o traballo de  varios grupos de investigadores de distintos países, revelou a secuencia completa do ADN humano. A xenómica, ao permitir o estudo simultáneo de tódolos xenes dun ser humano, fixo posible a aparición da chamada medicina personalizada ou medicina xenómica. Un dos investigadores máis destacados neste campo é o galego Anxo Carracedo que acaba de recibir o Premio Nacional de Xenética.


domingo, 27 de setembro de 2015

E se esta noite non podemos ver a eclipse?



Pode que o topónimo Boiro veña da palabra boira que significa néboa. Inda por riba, para nós, a eclipse de superlúa vai ter o seu máximo na madrugada do luns.  Que pasa se a néboa, ou o sono (ás catro da madrugada dun luns, o ideal é estar durmindo) non nos permiten ver a eclipse?
Pois que podemos botar man da tecnoloxía e descargarnos este predictor e simulador de eclipses para Android (para IOS debe haber o equivalente no App store) e ver comodamente a eclipse, cando mellor nos veña.
Aquí tedes  o enlace para descargalo no voso teléfono móbil:

https://play.google.com/store/apps/details?id=calcEclipsi.src

Sexa en directo ou por Internet...non vola perdades!!

sábado, 26 de setembro de 2015

Como ver a eclipse total da superlúa "da colleita"


Na noite do domingo ao luns, se o ceo está despexado, veremos unha eclipse total de superlúa.
Para nós o horario da eclipse será este:
  • Comezo da eclipse parcial: 3:07h
  • Comezo da eclipse total: 4:11h
  • Máximo da eclipse 4:47h
  • Final da eclipse total 5:23h
  • Final da eclipse parcial 6:27
As eclipses orixínanse pola traslación da Lúa arredor da Terra. Aparecen cando a Terra ou a Lúa, se bloquean temporalmente a chegada da luz do Sol a unha á outra. Así, ás veces, durante a Lúa nova, a sombra da Lúa cae sobre a Terra e prodúcese unha eclipse de Sol. Outras, durante a Lúa chea, a sombra da Terra proxéctase sobre a Lúa e orixina unha eclipse de Lúa.
Unha eclipse só pode producirse cando o Sol, a Lúa e a Terra están perfectamente aliñados.
Como a órbita da Lúa non está no mesmo plano que a órbita  da Terra, as eclipses de Lúa prodúcense moi poucas veces ao longo do ano.
A eclipse de Lúa comeza cando a Lúa entra na penumbra da Terra. Cando entra por completo na umbra, escurécese e ten lugar unha eclipse total de Lúa. Ás veces, a curvatura da luz ao atravesar a atmosfera fai que a Lúa se vexa vermella.
Recoméndovos que poñades o espertador para un pouco antes do máximo e vos levantedes a velo. Ánimo!

martes, 15 de setembro de 2015

Comezamos o curso nun día sinalado

Benvidos e benvidas, precisamente hoxe que se cumpren 180 anos da chegada, o 15 de setembro de 1835, do naturalista británico, Charles Darwin, ás Galapagos, un arquipélago de illas volcánicas situadas no Pacífico, ao oeste de Ecuador. Darwin, viaxaba a bordo do barco HMS Beagle, nunha  expedición científica que se prolongou durante cinco anos.
Nas Galapagos, Darwin recolleu e documentou unha gran cantidade de especies, que estudaría ao seu regreso a Inglaterra.
Co paso dos anos, acabou centrándose na súa colección de pimpíns, 15 especies de pequenos paxaros, moi parecidos entre si pero que se diferenciaban polo tamaño e forma do peteiro.
Darwin deduciu que os peteiros eran adaptacións dos pimpíns aos distintos tipos de alimentos dispoñibles en cada illa. O estudo dos pimpíns permitiu a Darwin explicar como se podía producir a especiación e foi, xunto co estudo das outras especies recolectadas nas illas Galápagos, fundamental para o desenvolvemento da súa Teoría da Evolución por Selección Natural.

domingo, 13 de setembro de 2015

Cultura científica, para que?

Stephen Hawking experimentando a gravidade cero
E se no lo explicara Stephen Hawking? Que por que el? Por moitas razóns. Porque revolucionou a Física durante a segunda metade do século XX, porque seguramente vistes a película sobre a súa vida, "A teoría do todo", porque é un gran divulgador científico, porque é moi posible que este ano reciba, por fin, o Premio Nobel de Física, en fin, por moitas razóns.
Pero, sobre todo, porque hai 26 anos, cando recibiu o Premio Príncipe de Asturias da concordia, pronunciou un discurso no que deixou moi clara a importancia da cultura científica na sociedade actual. Recoméndovos que o leades con atención.
"Gustaríame dicir algunhas palabras sobre a consciencia e actitudes públicas ante a ciencia e a tecnoloxía. Gústenos ou non, o mundo no que vivimos cambiou moito no último século, e probablemente cambiará aínda máis nos próximos cen anos.

A algúns gustaríalles deter estes cambios e volver ao que eles consideran unha época máis pura e máis simple. Pero a historia ensina que o pasado non foi tan marabilloso. Non foi tan malo, é certo, para unha pequena minoría privilexiada, aínda que tamén eles careceron dos beneficios da medicina moderna e mesmo os partos constituían un alto risco para as mulleres. Para la maioría da poboación a vida era sórdida, brutal e curta. 
En calquera caso, aínda que un o quixese non podería retrasar o reloxo do tempo cara a unha época anterior. O coñecemento e las técnicas non poden ser relegados ao esquecemento nin se poden impedir máis avances no futuro. Mesmo se todo o presuposto gobernamental para a investigación se suprimise, a forza da competencia entre as empresas traería avances tecnolóxicos. Tampouco ninguén podería impedir que as mentes inquisitivas pensaran sobre as ciencias básicas, aínda que non se lles pagase por facelo. O único camiño para evitar novos avances sería un estado mundial totalitario, que suprimise calquera innovación. Pero a iniciativa e o enxeño humanos son tales que non terían éxito. Todo o que lograrían sería diminuír o ritmo do cambio. 
Se admitimos que non é posible impedir que a ciencia e a tecnoloxía cambien o mundo, podemos polo menos intentar que eses cambios se realicen na dirección correcta. Nunha sociedade democrática, isto significa que os cidadáns necesitan ter uns coñecementos básicos das cuestións científicas, de modo que poidan tomar decisións informadas e non depender unicamente dos expertos. Hoxe en día, a sociedade ten unha actitude ambivalente con respecto á ciencia. Dáse por feito o continuo aumento do nivel de vida, froito dos novos avances da ciencia e a tecnoloxía. Mais tamén se desconfía da ciencia porque non se entende. Esta desconfianza reflíctese na caricatura do científico louco, traballando no seu laboratorio para producir un Frankenstein. E é tamén un elemento importante do apoio que teñen os partidos verdes. Pero, por outra parte, a xente ten un gran interese polos asuntos científicos, particularmente a astronomía, como o demostra a enorme audiencia que teñen as series de televisión sobre o cosmos, ou de ciencia ficción. 
Que se pode facer para aproveitar ese interese e dar aos cidadáns a educación científica que necesitan para tomar decisións informadas en temas como a "chuvia ácida", o "efecto invernadoiro", as armas nucleares ou a enxeñería xenética? Claramente, a base debe estar no que se ensina nos colexios. Pero a ciencia, no ensino escolar, é presentada a miúdo dun modo árido e sen interese. Os nenos a aprenden de memoria para aprobar os exames, pero non ven a súa importancia no mundo que os rodea. Ademais, a ciencia ensínase a miúdo en forma de ecuacións. E aínda que as ecuacións son unha forma concisa e exacta de escribir ideas matemáticas, ao mesmo tempo atemorizan á maior parte da xente. Cando escribín recentemente un libro de divulgación científica, fun advertido que cada ecuación que incluíse rebaixaría as vendas á metade. Incluín unha soa, a máis famosa de Einstein, E=mc2. Quizais tería vendido o dobre sen ela. 
Científicos e enxeñeiros tenden a expresar as súas ideas en forma de ecuacións, porque necesitan coñecer os valores exactos das cantidades. Pero para outras persoas unha comprensión substancial dos conceptos científicos é suficiente. E isto pode expresarse mediante palabras e diagramas, sen o uso de ecuacións. 
A ciencia que a xente aprende nos colexios pode proporcionarnos un marco básico. Pero o ritmo do progreso científico é agora tan rápido, que sempre hai novos avances que xurdiron despois de que un deixou a escola ou a universidade. Eu nunca aprendín nada sobre bioloxía molecular ou transistores no colexio, e porén a enxeñería xenética e las computadoras son dous dos avances que probablemente cambiarán máis a nosa forma de vivir no futuro. Libros populares e artigos das revistas sobre ciencia poden axudar a coñecer novos avances. Pero incluso o máis exitoso libro de divulgación é lido só por unha pequena parte da poboación. Unicamente a televisión pode conseguir unha audiencia masiva. Hai moi bos programas científicos na televisión, pero algúns só presentan as marabillas científicas como algo máxico, sen explicalas ou sen mostrar como encaixan no marco da ciencia. Os produtores de programas científicos para a televisión deberían comprender que teñen a responsabilidade de educar ao público, e non soamente de entretelo. 
Cales son os temas científicos sobre los cales a xente deberá tomar decisións no futuro? Sen dúbida, o máis urxente é o das armas nucleares. Outros problemas globais, como o subministro de alimentos ou o "efecto invernadoiro", teñen un desenvolvemento relativamente lento. En cambio, unha guerra nuclear podería significar en poucos días o fin de toda a vida humana sobre a Terra. A distensión entre o Leste e o Oeste, iniciada por Mr. Gorbachov e a  Perestroika, significou que o perigo dunha guerra nuclear desvaneceuse na conciencia dos cidadáns. Pero o perigo segue aí mentres existan armas suficientes para destruír varias veces o noso mundo. As armas soviéticas e americanas continúan programadas para atacar as principais cidades do hemisferio norte. Bastaría un erro de ordenador ou unha rebelión das persoas encargadas dos mísiles, para iniciar unha guerra global. É moi importante que a sociedade comprenda o perigo, e presione a tódolos gobernos para conseguir acordos de redución de armamento. Probablemente non sería práctico suprimir por completo as armas nucleares, pero si podemos diminuír o perigo ao reducir o seu número. 
Se logramos evitar unha guerra nuclear, aínda quedan outros perigos que poderían destruírnos. hai un chiste de humor negro que di que o motivo de que non teñamos sido contactados por una civilización allea á nosa, é porque as civilizacións tenden a destruírse a si mesmas cando alcanzan o noso nivel. Non obstante, eu teño suficiente fe nos homes para crer que isto non será así.
Unha vez más, gustaríame dar as grazas ao Príncipe de Asturias e á súa Fundación polo Premio da Concordia, 1989. 
Á miña esposa e a min gustounos vir a España, e sentímonos honrados por ter recibido o Premio. “
 Que vos parece?


Un pouco de humor para empezar


martes, 16 de xuño de 2015

Que se cumpran os vosos soños

Esta semana empezades a recibir as notas finais e facedes cábalas sobre o voso futuro. Por iso, e esta vez de verdade, xa para rematar, déixovos a historia de Alejandro Pan Vázquez. Un novísimo neurocientífico da Coruña que está comezando o seu doutorado en neurobioloxía do desenvolvemento no King's College de Londres, baixo a supervisión do investigador español Óscar Marín. Para poder costearse esta formación conseguiu unha beca do consello de ciencia para a investigación médica. Recoméndovos que leades o artigo da Voz de Galicia no que se detalla a súa inspiradora traxectoria.





domingo, 14 de xuño de 2015

Philae acaba de espertar

Aínda que acabo de despedirme de vós, a actualidade científica, non para. Así que aquí estou outra vez. Lembrádesvos da sonda Rosetta da axencia espacial europea, da ESA? E do seu módulo Philae? O que se pousou sobre o cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko? O que caiu nunha fenda escura e entrou en hibernación no mes de novembro, deixándonos coas ganas de saber máis do cometa? Seguro que si. Pois, onte entrou de novo en funcionamento e comunicouse coa Terra. Por certo, noraboa a todos e todas, polo seguimento das noticias científicas que fixestes durante todo o curso dende os vosos blogues. Grazas por compartir tantos achádegos interesantes. Procurade non perder o bo costume de estar ao día das novidades que se están a producir en tódolos eidos do coñecemento, nomeadamente no da ciencia. Ánimo!


Biodiversidade para o desenvolvemento sostible

Para terminar este curso e aproveitando que estamos no decenio das Nacións Unidas sobre a biodiversidade, imos repasar este concepto, moi simple pero esencial para entender o que nos xogamos cada vez que unha especie desaparece para sempre do planeta.
A biodiversidade ou diversidade biolóxica é a variedade de seres vivos que existen na Terra. Este termo refírese tanto á variedade de especies como ás diferenzas xenéticas entre individuos da mesma especie. A extinción de especies provoca a perda de biodiversidade.
Ao longo da historia da vida na Terra, as especies apareceron, poboaron o planeta durante un tempo máis ou menos longo e finalmente desapareceron para sempre. Este proceso progresivo e continuo coñécese como extinción de fondo.  Moi diferentes son as extincións masivas que provocan a desaparición repentina de moitas especies en moi pouco tempo.
O rexistro fósil fálanos de cinco extincións en masa e destas a máis coñecida é , sen dúbida, a que tivo lugar hai 65 millóns de anos, foi provocada pola caída dun asteroide no Golfo de México e acabou cos dinosauros. 
Unha boa parte da comunidade científica pensa que o ritmo de extinción de especies que se está producindo na actualidade é o correspondente a unha extinción en masa, a sexta, provocada esta vez polo ser humano e o seu modelo de desenvolvemento insostible que causa contaminación, quentamento global, sobreexplotación dos recursos, desertización, sobrepoblación e perda de biodiversidade.
Vivimos nun planeta que dispón de recursos suficientes para satisfacer as necesidades de tódolos seres humanos que o habitamos. Falamos de necesidades básicas de alimentos, roupa, vivenda ou transporte, entre outras. Agora ben, a Terra, aínda sendo inmensamente rica, non contén recursos suficientes para satisfacer a nosa cobiza, a nosa demanda implacable dun número cada vez maior de bens de consumo que acumulamos e renovamos sen ningún control. Consideramos que vivimos moi ben e non estamos dispostos a renunciar á nosa forma de vida.
O termo desenvolvemento sostible alude a posibilidade de, introducindo cambios moi importantes, conseguir unha boa calidade de vida para todos e todas, sen poñer en perigo as necesidades das xeracións futuras. Porque o planeta Terra non nos pertence, só estamos aquí de paso. Recordádeo mentres desfrutades dos meses de verán. Boas vacacións!


sábado, 6 de xuño de 2015

8 de xuño, día mundial dos océanos

Océano san, planeta san
Os océanos cobren tres cuartas partes da superficie terrestre e son o hábitat de millóns de seres vivos. Deles depende a produción dunha boa parte dos alimentos que consumimos. Ademais inflúen de maneira decisiva na regulación do clima e participan no ciclo da auga. 
Os océanos están ameazados pola contaminación - especialmente por plástico - o cambio climático, a sobrepesca, e a acidificación.
A celebración do día mundial dos océanos debería servir para lembrarnos o papel fundamental que xogan os océanos na nosa vida diaria. Tamén para informarnos do impacto que sobre eles ten a actividade humana e crear un movemento cidadán mundial a favor dos océanos.


xoves, 4 de xuño de 2015

Día Mundial do Medio Ambiente




O lema deste ano é :
O planeta contén auga, alimento e enerxía para todos nós: sete mil millóns de seres humanos. Pero o noso consumo está superando a capacidade que ten o planeta para producir estes recursos de maneira sostible. Só a súa xestión responsable nos permitirá compatibilizar a prosperidade coa conservación do medioambiente.

xoves, 28 de maio de 2015

O primeiro órgano transplantado

O transplante é unha técnica médica que consiste en substituír un órgano que deixou de funcionar por outro, procedente dun doador, que funciona correctamente.
Segundo o tipo de órgano que se transplante, pódese realizar con doador vivo ou con doador falecido.
O primeiro órgano que se transplantou con éxito foi un ril. Foi un transplante con doador vivo. A intervención realizouse o 23 de decembro de 1954. Parte do éxito debeuse a que o doador era irmán xemelgo do receptor, co cal se evitaba un dos principais problemas dos transplantes, o rexeitamento inmunolóxico.  Foi polo tanto un isotransplante.
Un dos cirurxáns responsables do transplante, Joseph Murray, foi galardoado co Premio Nobel de Medicina en 1990.
A Organización Nacional de Transplantes é o organismo encargado de coordinar os transplantes que se realizan en España. Ten uns protocolos de funcionamento moi estritos para garantir que as doazóns se realizan con tódalas garantías científicas, técnicas, legais e éticas. Por exemplo, no caso da doazón de vivo, a cesión do órgano, ten que ser aprobada polo comité de ética hospitalaria e autorizada por un xuíz. Non se require parentesco, pero é moi difícil que se autorice se non se demostra algún vínculo afectivo.  Unha das maiores preocupacións é detectar posibles casos de tráfico de órganos, como o descuberto recentemente en Cataluña.


luns, 4 de maio de 2015

Podería caer en Boiro a Progress M-27M ?

Traxectoria da Progress M-27M sobre o ceo de  Boiro, o vindeiro 10 de maio
A Progress M-27M é unha nave espacial rusa encargada de abastecer alimentos, combustible e pezas de reposto á ISS. É noticia porque está fóra de control e axiña entrará de volta na atmosfera e se precipitará sobre o noso planeta. A maioría  dos fragmentos se desintegrarán, ao contacto coa atmosfera, pero algunha peza grande e resistente, podería acadar intacta a superficie do planeta e causar unha catástrofe, se caese sobre unha zona habitada. 
Está previsto que caia entre o 7 e o 11 de maio. Se non cae antes, o vindeiro domingo, día 10, sobrevoará Boiro, cunha altura máxima de 87º, durante 6 minutos. Esperemos que non pase nada.



mércores, 29 de abril de 2015

Ángeles Alvariño, primeira muller homenaxeada no Día da Ciencia en Galicia

Ángeles Alvariño (1916-2005), oceanógrafa galega



Neste ano 2015, a Real Academia Galega de Ciencias decidiu actualizar o Día do Científico Galego e transformalo no Día da Ciencia en Galicia que se celebrará o día 1 de xuño. A primeira homenaxeada neste día será a oceanógrafa ferrolá Ángeles Alvariño.
Esta muller pioneira, licenciada en ciencias naturais, foi a primeira en embarcarse nun buque oceanográfico británico. Traballou en universidades estadounidenses e participou en expedicións á Antártida. Ao longo da súa vida descubriu 22 novas especies de organismos mariños. Ademais foi unha excelente divulgadora. Este é un recoñecemento ben merecido.

martes, 28 de abril de 2015

Terremoto de magnitude 7,8 en Nepal


Estamos falando en clase do terremoto que acaba de producir unha enorme traxedia en Nepal. Antes de nada, dicirvos que estou sorprendida de todo o que sabedes, empezando pola causa do terremoto: o avance do subcontinente indio baixo o Tíbet e Nepal. Porque o terremoto de Nepal produciuse nun dos grandes límites de placa, o límite entre a Placa India e a Placa Euroasiática, dúas placas converxentes que deron lugar aos Himalaias.
En canto ás consecuencias da catástrofe, foron gravísimas porque o perigo era grande e a vulnerabilidade da poboación nepalí inmensa.
Un terremoto de magnitude 7,8 é devastador en Katmandú pero en Tokio, coas súas  avanzadas construcións sismorresistentes, tería un impacto menor.
Non vivimos nunha zona con gran risco sísmico, salvo que o sismo teña o seu epicentro na falla Xibraltar-Azores, pero non está de máis estar informados e informadas das medidas que temos que tomar para procurar sobrevivir a un terremoto.

Que facer en caso de terremoto?

Visualizador de terremotos na Península e proximidades.

Visualizador de terremotos mundiais

sábado, 25 de abril de 2015

A nosa participación no proxecto OlimpiADN

Ángela, Paula, Fátima e María viaxaron á Coruña para participar na xornada de clausura de OlimpiADN

Un grupo de 45 alumnos e alumnas, de tódalas modalidades de 1º de Bacharelato do noso centro, participaron no Proxecto OlimpiADN promovido pola Fundación Barrié. O principal obxectivo desta iniciativa era coñecer a molécula de ADN. Durante o tempo que durou o proxecto, un trimestre, traballaron moito e pasárono ben. Construíron maquetas do ADN, extraérono de froitas e legumes no laboratorio, escribiron artigos centifícos, realizaron un estudo poblacional de tres caracteres xenéticos e deixaron constancia dos seus traballos nuns vídeos fantásticos. O pasado mércores 22, un grupo de 4 alumnas, unha por cada curso, xunto coa profesora de Ciencias para o Mundo Contemporáneo, asistiron en representación do IES Praia Barraña, á cerimonia de clausura e entrega de premios que se celebrou na Coruña. Aínda que non se conseguiu ningunha presea, regresaron a casa coa sensación de que o esforzo realizado pagou a pena.

Feliz día do DNA


Un pouco de historia do ADN.

mércores, 22 de abril de 2015

A nosa valoración do proxecto OlimpiADN.



Grazas a todos e todas, fixestes un excelente traballo. E grazas a Clara Piñeiro de 1ºde Bacharelato B por montar este vídeo final.

luns, 20 de abril de 2015

Música, pensamento e ciencia




Hoxe que comezou a Semana Temática no noso instituto, tivemos a sorte de poder asistir ao acto inaugural. No salón de actos, deleitámonos coa música e as cancións de Narf. O seu concerto, malia a durar perto dunha hora, fíxosenos moi curto. Coa súa arte foi quen de transmitirnos os seus pensamentos, os de Rosalia e os doutros poetas da cultura galego-portugesa. 
E é que a música e as cancións son ferramentas moi útiles para transmitir pensamentos complexos.
Tamén moitos científicos e científicas explicaron os descubrimentos, procedementos e teorías científicas mediante a música. Aquí vos deixo un exemplo, un vídeo que explica a PCR.


xoves, 16 de abril de 2015

A concentración de dióxido de carbono segue aumentando



imagen

O cambio climático é, sobre todo, unha consecuencia das emisións de dióxido de carbono á atmosfera. Cada vez que queimamos combustibles fósiles producimos este gas e facemos aumentar o efecto invernadoiro e, como consecuencia, a temperatura do planeta.
 O 9 de maio de 2013, por primeira vez dende que iniciou o seu funcionamento en 1958, a estación do observatorio de Mauna Loa mediu concentracións de dióxido de carbono superiores a 400 ppm. Nunca antes na historia da humanidade se acadara unha concentración tal alta deste gas. Para encontrar estes niveis de  dióxido de carbono atmosférico hai que remontarse ao Plioceno, cando a temperatura do planeta era dous ou tres graos centígrados superior e o nivel do mar estaba 25 metros por riba do actual.
A este ritmo, en poucas décadas, o mundo podería acadar as 450 ppm, un límite que os expertos das Nacións Unidas, e entre estes, os que forman parte do IPCC, consideran que non debemos superar se non queremos expoñernos a un cambio climático de proporcións catastróficas.
Que podemos facer? Para empezar, diminuír as emisións de CO2,  e a continuación, desenvolver as tecnoloxías de captura e almacenamento do CO2.

24h facendo ciencia

As catro mazás que cambiaron o mundo.

Praia Barraña Informa

venres, 10 de abril de 2015

Quen foi Charles David Keeling?




No volcán hawaiano Mauna Loa atópase a estación de medición dos niveis de CO2 atmosférico  máis antiga do mundo, posta en marcha en 1958 polo xeoquímico norteamericano  Charles David Keeling.
Keeling descubriu que a concentración de dióxido de carbono atmosférico estaba sometida a un ciclo estacional: diminúe na primavera e verán debido ao crecemento das plantas no  Hemisferio Norte e aumenta no inverno debido á caída das follas.  Tamén descubriu que a concentración de dióxido de carbono na atmosfera, aumentaba con rapidez. A representación gráfica dos datos que se recollen nas medicións  dá lugar á coñecida como curva Keeling.

venres, 27 de marzo de 2015

Toda ciencia empeza sendo filosofía e acaba sendo arte

O título desta entrada é unha coñecida frase do filósofo e historiador da filosofía e da ciencia Will Durant. Aparece neste parágrafo da introdución do seu libro Historia da Filosofía:
" Pero está estancada a filosofía? A ciencia parece avanzar sempre, mentres que a filosofía parece perder terreo. Porén, isto é só porque a filosofía acepta a tarefa dura e arriscada de abordar problemas que aínda non están abertos aos métodos da ciencia. Problemas como o do ben e o mal, a beleza e a fealdade, a orde e a liberdade, a vida e a morte. Tan pronto como un campo de investigación proporciona coñecemento susceptible dunha formulación exacta, recibe o nome de ciencia.Toda ciencia comeza como filosofía e termina sendo arte. Xurde como hipótese e flúe cara á realización"
Que vos parece esta reflexión como fío condutor do voso  novo documental, mentres nos amosades, paso a paso, como vai xurdindo a vosa molécula de ADN e como vai aparecendo a mensaxe que vós queredes que conteña. É un reto complexo pero seguro que saberedes dar conta do recado.

martes, 24 de marzo de 2015

O vindeiro sábado usa a túa forza para cambiar o cambio climático

O vindeiro sábado 28 de marzo, como cada último sábado do mes de marzo, dende o ano 2007, volveremos celebrar a hora do planeta, apagando as luces e desconectando os aparellos eléctricos durante unha hora.
Este ano será de 20:30 á 21:30 da noite. Interésanos participar, porque aforrar enerxía contribúe a frear o quentamento global que pon en risco a vida no noso planeta. Non vos esquezades!


domingo, 22 de marzo de 2015

A Eclipse Solar do 2015 dende o Barbanza

Impresionantes fotos da eclipse realizadas por Mario Pena, alumno de 1º de Bacharelato Artístico

Para empezar, felicitar a Mario Pena de 1º de Bacharelato D polas súas fantásticas fotos da eclipse.
Tivemos moita sorte de que o vento Nordés nos proporcionase un día despexado e soleado (aínda que moi frío) que nos permitiu desfrutar da eclipse.
Os cumes do Barbanza enchéronse de afeccionados á astronomía.

A eclipse na Voz de Galicia

A eclipse no Solarscope

mércores, 18 de marzo de 2015

Esperando pola eclipse

Gafas Baader Planetarium

O vindeiro venres 20 de marzo asistiremos a un dos fenómenos máis espectaculares que nos ofrece a natureza, unha eclipse de Sol. Se a meteoroloxía nos é favorable e temos un día despexado, en Boiro observaremos un 74,9 % do disco solar oculto pola Lúa.
A eclipse empezará ás 9:04 minutos, cando o Sol só ten unha altura de quince graos sobre o horizonte.
O máximo da eclipse producirase ás 10:07 minutos, cunha altitude do Sol sobre o horizonte de 26 graos.
O último contacto será ás 11:15, cunha altura do Sol de 36 graos.
É imprescindible a utilización dos medios adecuados de protección ocular, en caso contrario sufriremos lesións oculares irreversibles, que poden implicar a perda da visión.

Que pasa se non conseguimos unhas gafas de eclipse?
O ideal é dispoñer dunhas gafas de eclipse pero, se non as temos, non podemos mirar ao Sol, así que observaremos o reflexo do Sol sobre o chan ou sobre unha parede.
Podemos coller un espello ou  un cartón cun furado pequeno e proxectar o reflexo do Sol sobre unha parede.
 Mesmo podemos usar unha escumadeira, a luz que pasa a través dos seus buracos permitiranos ver sobre a parede tantas pequenas eclipses como buracos teña a escumadeira.. É o que se coñece como efecto “pinhole”.
Serve un filtro do soldador, pero ten que ser de densidade 14 ou superior. Ollo que o máis normal nas ferreterías é que sexa de densidade 12.

E se dispoñemos de gafas de eclipse?
Antes de usalas comprobar o bo estado. Se están deterioradas non usalas e tirar con elas.
 
Entón temos que cumprir as seguintes recomendacións:

• Non usar nunca con outros instrumento ópticos como prismáticos, telescopios, cámaras ou outros instrumentos.

• Non son un xoguete, os nenos que empreguen estas gafas deben de estar supervisados por un adulto.

• Non usar máis de 3 minutos seguidos. Recoméndase facer pausas de 20­ a 40 segundos cada minuto.

• Están contraindicadas para persoas que se operaron recentemente dos ollos.

• As gafas  da imaxe están fabricadas con filtro solar Baader e teñen un factor de protección 5 incluído UV e IR (só deixan pasar 1/100 000 de luz).

Espero que disfrutedes da eclipse. 



sábado, 14 de marzo de 2015

Campus científicos de verán do FECYT

Como cada ano dende o 2009, a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) organiza os Campus Científicos de verán. 
Se estades interesados, tedes de prazo ata o vindeiro venres 20 de marzo para presentar a solicitude.
Neste enlace podedes acceder ao formulario de solicitude. Logo de cumprimentalo recibiredes un usuario e unha clave de acceso e poderedes descargar os documentos que necesitades para completar a vosa solicitude.
Nos documentos descargados enviaredes un Certificado Académico do curso 2013-2014 e unha autorización paterna. Ademais teredes que enviar unha copia do DNI.
Animádevos a solicitalos!

xoves, 12 de marzo de 2015

Éxito total na extracción de ADN

De mazá, de amorodo, de kiwi, de chícharo, non hai vexetal que se resista ao noso protocolo de extracción.
Como mostra o vídeo do grupo de artes.

luns, 2 de marzo de 2015

2º reto: DNA is all around. Imos escribir un artigo científico

Tódolos grupos conseguistes completar o primeiro reto a tempo. Noraboa!
Imos agora a polo segundo, como sempre co tempo xusto xa que a data límite está fixada para o 13 de marzo.
Que tedes que facer? Pois...redactar un artigo científico no que contedes unha técnica caseira de extracción do ADN a partir dunha froita ou outro vexetal.
Deberedes utilizar materiais accesibles nas vosas casas ou no laboratorio.
Deberedes reflectir o resultado dos vosos experimentos nun documento en formato PDF.
Como en toda publicación científica haberá fotos, debuxos ou gráficos descritivos do voso procedemento.
Esta é a estrutura habitual dun artigo científico, a explicación completa tédela neste enlace:
  • Título
  • Autoría e Afiliacións
  •  Abstract ou Resumo
  • Palabras clave
  • Contido
Introdución
Materiais e métodos
Resultados
Discusión
Conclusións
  • Agradecementos
  • Materiais adxuntos
  • Listaxe de referencias.
Hai moitos titoriais en Internet e podedes usalos. Aquí vos deixo un. Elixe como material biolóxico os amorodos, e para extrarlles o ADN utiliza zume de piña e ron. Está en inglés e é moi divertido porque o plantexa como un cóctel de ADN. Pero a explicación é moi correcta e sinxela. O problema é que para a extracción o alcohol debe ter máis de 70 graos, e un ron de máis de 70 graos é moi caro. No laboratorio temos alcohol de 96 que vai fenomenal.



domingo, 22 de febreiro de 2015

Un investigador galego loita en Canadá contra as bacterias resistentes aos antibióticos

César de la Fuente Núñez busca novos antibióticos
Falabamos estes días da importancia que tivo para a humanidade o descubrimento dos antibióticos e da preocupación crecente da sociedade pola aparición de bacterias resistentes aos mesmos, as coñecidas como superbacterias.
Sabemos que a aparición de resistencia aos antibióticos nas bacterias é un proceso evolutivo contra o que nada podemos facer. Pero tamén somos conscientes de que o mal uso que facemos dos antibióticos contribúe a propagación das cepas resistentes.
Neste momento, tódolos antibióticos coñecidos  están perdendo eficacia de maneira gradual. Sen antibióticos, tratamentos médicos que ata agora se realizaban cun mínimo risco de infección serían moi complicados. Pensade nas operacións cirúrxicas importantes, os transplantes, ou algunhas quimioterapias.
Por iso, unha boa parte da investigación biomédica está centrada na búsqueda de novas substancias con propiedades antibacterianas.
O investigador galego César de la Fuente Núñez que traballa na  Universidade British Columbia de Vancouver, acaba de descubrir unha molécula, un péptido D, que impide ás superbacterias unirse entre si para formar grandes colonias - chamadas películas biolóxicas ou biofilms - que as protexen contra a acción dos antibióticos tradicionais.
Estas son dúas das superbacterias máis mortíferas: ERC e SARM.
Dispoñer de tratamentos eficaces contra estes patóxenos é fundamental para seguir mantendo controladas as infeccións bacterianas. Os péptidos D van ser clave nesta loita.

sábado, 21 de febreiro de 2015

O prezo do Sovaldi

A hepatite C é unha grave enfermidade emerxente que afecta a millóns de persoas en todo o mundo.
O virus da hepatite C (VHC) illouse por primeira vez en 1989. Ata ese momento só se coñecían os virus da hepatite A e a hepatite B, o resto de hepatites denominábanse non A non B. A maioría destas estaban causadas polo virus VHC.
Levamos meses oíndo falar de Sovaldi, nome comercial do sofosbuvir, o medicamento que cura ao 90 por cento das persoas enfermas de hepatite C.  Esta sería unha noticia fantástica se non fose porque o prezo que a empresa farmacéutica fixou para este medicamento, pode convertilo en inaccesible para a maioría dos afectados.
Mesmo en países, como a maioría dos europeos, onde os cidadáns temos garantizado o acceso practicamente gratuíto os medicamentos, os sistemas sanitarios están tendo problemas para financialo e os enfermos protestan porque temen non recibir o tratamento a tempo.
As empresas farmacéuticas xustifican o prezo que fixan para os seus medicamentos, na necesidade de diñeiro para seguir investigando, mais, neste caso, a empresa Gilead non tivo que realizar un gran gasto en investigación. Comprou a patente. Porén, está obtendo uns beneficios inmensos. Excesivos quizais?