Translate

venres, 8 de abril de 2016

Mergullo con Océano Sostenible no Porto de Adeje (Tenerife)

Hoxe imos compartir con vós unha das actividades máis emocionantes que realizamos durante o Intercambio Climático con Canarias. Os  20 alumnos galegos do IES Virxe de Mar de Noia, do IES Poeta Añón de Outes, do IES Praia Barraña de Boiro, do IES Rosalía de Castro de Santiago e do CIP dos Dices de Rois, e os seus pares de intercambio, desprazáronse ás 8:30 do martes 16 de marzo de 2016 para estudar a recuperación do fondo oceánico do Puertito de Adeje que se está a levar a cabo dende o ano 2009 no marco proxecto Océano Sostenible.
Cada alumno descendeu 10 metros de profundidade ata visualizar ben o fondo. Para facelo tivo á súa disposición o equipamento necesario para o mergullo con botellas de aire e en todo momento estivo acompañado por un mergullador do proxecto Océano Sostenible. Durante o descenso observaron a fauna, formacións rochosas e algas do fondo recollendo imaxes de foto fixo e de vídeo. Na organización da actividade o grupo dividiuse en catro equipos de traballo de 10 estudantes cada equipo.

Antes de iniciar o mergullo os 40 alumnos implicados no intercambio recibiron a visita da Concelleira de Medio Ambiente do Concello de Adeje, quen deu a benvida aos alumnos e presentou a aula do mar que están a impulsar dende o concello no marco do proxecto Océano Sostenible. Con motivo desta visita, os alumnos procederon a desenvolver un acto simbólico para lembrar a participación de Climántica 2016 nesta actividade nas costas de Adeje. Este acto consistiu na liberación dunha pardela e dunha tartaruga que recuperaron os servizos veterinarios da aula do mar. No caso da tartaruga analizouse o complexidade da recuperación, pois a intervención consistiu en reparar os danos que lle ocasionou unha hélice dun barco, requirindo dunha reparación mediante o uso de fibra de vidro.



Ningún comentario:

Publicar un comentario