Translate

luns, 11 de abril de 2016

Xenómica e ambiente, unha lección maxistral de Anxo Carracedo

Fotografámonos co doutor Carracedo
O pasado 1 de abril, un grupo de alumnos e alumnas de Bioloxía de 2º de Bacharelato asistiron á conferencia que sobre xenómica e ambiente impartiu o doutor Anxo Carracedo no Coliseo Noela de Noia. Partindo da historia do Proxecto Xenoma Humano, e utilizando múltiples exemplos, algúns extraídos das súas propias investigacións, foinos introducindo no apaixoante mundo da investigación biomédica do século XXI.
Falounos de xenómica, de epixenómica e do microbioma.  De polimorfismos dun só nucleótido (SNPs), dos proxectos ENCODE e Hap-Map. Da mutación de "splicing" presente en tódolos cancros de mama de orixe xenética que se diagnostican en Galicia. Explicounos a importancia evolutiva dunha característica xenética que proporciona ás persoas que a posúen a necesidade de buscar cousas novas ("novelty seeking"). Contounos que esa característica que noutros contextos é unha vantaxe,  fai que teñan dificultades para adaptarse ao noso sistema educativo, e que sexan diagnosticadas de TDAH e medicadas. 
O interese dos temas tratados, traduciuse nun longo e animado coloquio. Antes de regresar tivemos a oportunidade de falar persoalmente con Anxo Carracedo, que seguiu compartindo con nós a súa sabiduría e sentido do humor e soubo contaxiarnos co seu optimismo.
Aquí podedes ver o vídeo da conferencia. Recoméndovolo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario