Gafas Baader Planetarium |
O vindeiro venres 20 de marzo asistiremos a un dos fenómenos máis espectaculares que nos ofrece a natureza, unha eclipse de Sol. Se a meteoroloxía nos é favorable e temos un día despexado, en Boiro observaremos un 74,9 % do disco solar oculto pola Lúa.
A eclipse empezará ás 9:04 minutos, cando o Sol só ten unha altura de quince graos sobre o horizonte.
O máximo da eclipse producirase ás 10:07 minutos, cunha altitude do Sol sobre o horizonte de 26 graos.
O último contacto será ás 11:15, cunha altura do Sol de 36 graos.
É imprescindible a utilización dos medios adecuados de protección ocular, en caso contrario sufriremos lesións oculares irreversibles, que poden implicar a perda da visión.
Que pasa se non conseguimos unhas gafas de eclipse?
O ideal é dispoñer dunhas gafas de eclipse pero, se non as temos, non podemos mirar ao Sol, así que observaremos o reflexo do Sol sobre o chan ou sobre unha parede.
Podemos coller un espello ou un cartón cun furado pequeno e proxectar o reflexo do Sol sobre unha parede.
Mesmo podemos usar unha escumadeira, a luz que pasa a través dos seus buracos permitiranos ver sobre a parede tantas pequenas eclipses como buracos teña a escumadeira.. É o que se coñece como efecto “pinhole”.
Serve un filtro do soldador, pero ten que ser de densidade 14 ou superior. Ollo que o máis normal nas ferreterías é que sexa de densidade 12.
E se dispoñemos de gafas de eclipse?
Antes de usalas comprobar o bo estado. Se están deterioradas non usalas e tirar con elas.
Entón temos que cumprir as seguintes recomendacións:
• Non usar nunca con outros instrumento ópticos como prismáticos, telescopios, cámaras ou outros instrumentos.
• Non son un xoguete, os nenos que empreguen estas gafas deben de estar supervisados por un adulto.
• Non usar máis de 3 minutos seguidos. Recoméndase facer pausas de 20 a 40 segundos cada minuto.
• Están contraindicadas para persoas que se operaron recentemente dos ollos.
• As gafas da imaxe están fabricadas con filtro solar Baader e teñen un factor de protección 5 incluído UV e IR (só deixan pasar 1/100 000 de luz).
Espero que disfrutedes da eclipse.
Ningún comentario:
Publicar un comentario