Translate

martes, 9 de decembro de 2014

O cancro preocúpanos moito

Vendo os temas dos vosos traballos de avaliación, está claro que nos preocupa o cancro. O lema do día mundial contra o cancro, celebrado o pasado 4 de febreiro foi: desacreditar os mitos.

O código europeo contra o cancro está centrado no que cada un de nós pode facer para previr o cancro, pero tamén nos recorda que para que a prevención do cancro teña éxito, as accións individuais necesitan o apoio das accións e políticas dos gobernos.

Estas son as doce medidas que propón para reducir o noso risco de cancro:

1)  Non fumes. Non utilices ningunha forma de tabaco.
2) Procura que a túa casa estea libre de fume. Apoia as políticas para eliminar o fume nos lugares de traballo.
3) Toma medidas para ter un peso saudable.
4) Se fisicamente activo/a na túa vida diaria. Limita o tempo que pasas sentado/a.
5) Toma unha dieta saudable:
  • Come cereais integrais, legumes, verduras e froitas.
  • Limita os alimentos hipercalóricos (ricos en azucre e graxas) e evita as bebidas azucradas.
  • Evita as carnes procesadas, limita as carnes vermellas e as comidas ricas en sal.
6) Se tomas alcohol, limita a túa inxesta. Non beber alcohol é mellor para previr o cancro.
 7) Evita tomar moito o sol. Usa protección solar. Non te broncees en soláriums.
8) No posto de traballo, protéxete contra as substancias canceríxenas seguindo as instrucións de saúde e seguridade.
9) Descubre se estás exposto á radiación procedente dos altos niveis de radón da túa casa. Toma medidas para reducir os niveis de radón.
10) Para as mulleres:
  • Amamantar reduce o risco de cancro da nai.
  • As terapias de reemplazamento hormonal incrementan o risco de certos cancros.
11) Asegúrate de que os teus fillos participan nos programas de vacinación contra:
  • Hepatite B (para recén nacidos)
  • Virus do papiloma humano (rapazas)
12) Participa nos programas de detección do cancro:
  • Cancro de colon (homes e mulleres)
  • Cancro de mama (mulleres)
  • Cancro de colo uterino (mulleres)
Se queredes seguir informados sobre este tema, non perdades de vista esta páxina

luns, 1 de decembro de 2014

Día Mundial da SIDA


A SIDA é unha enfermidade emerxente, descoñecida ata os anos 80 do século pasado. Os primeiros casos diagnosticáronse en Estados Unidos, pero, en pouco tempo, a enfermidade expandiuse por todo o planeta, provocando unha pandemia. O descubrimento do axente causal da enfermidade levouno a cabo un equipo de investigadores do Instituto Pasteur, liderado por Luc Montagnier e Françoise Barré-Sinoussi. Conseguiron illar o virus da inmunodeficiencia humana (VIH). Esta investigación foi premiada co Premio Nobel de Medicina en 2008. Como o seu nome indica, este virus vai destruíndo as células do sistema inmune da persoa infectada que queda desprotexida contra todo tipo de enfermidades.  A enfermidade acaba provocando a morte.

Cando unha persoa está infectada polo VIH, pode transmitilo a través do sangue, o seme, as secrecións vaxinais e o leite materno.
O virus VIH non se transmite a través da saliva, as feces, a urina, a suor ou as bágoas.

A prevención é fundamental, porque a infección por VIH non ten cura nin vacina.

Aínda así, unha persoa diagnosticada a tempo, convenientemente tratada e cun estilo de vida saudable pode mellorar as súas expectativas de supervivencia. 

O obxectivo de ONUSIDA para os próximos cinco anos resúmese como 90-90-90:

- 90% de persoas con VIH diagnosticadas.
- 90% de persoas diagnosticadas de VIH, seropositivas, con acceso ao tratamento.
- 90% de persoas tratadas, conseguindo represión viral efectiva.

E discriminación cero para a persoa diagnosticada con VIH.