Translate

venres, 24 de outubro de 2014

Premio para a investigación en novos materiais

Stucky, Davis e Corma
 O Premio Príncipe de Asturias de investigación científica e técnica foi este ano para tres químicos que traballan no eido da ciencia de materiais e a nanotecnoloxía. 
O español Avelino Corma, e os estadounidenses Mark Davis e Galen Stucky recolleron o galardón un día despois do día do mol, a festa oficiosa dos químicos norteamericanos, que se celebra entre as 6:02 am e as 6:02 pm do 23 de outubro. Esta hora e data  forman, máis ou menos, o número de Avogadro: 6,02 x 1023.
Os pioneiros da nanotecnoloxía, o xaponés Sumio Iijima, e os estadounidenses Shuji Nakamura, Robert Langer, George M. Whitesides e Tobin Marks xa recibiron o Príncipe de Asturias no 2008. Un deles, Shuji Nakamura, ven se recibir o Premio Nobel de Física pola invencion do LED. Por certo, sabiades que as nanopartículas cumpren os doce prinpios  da química sostible?

xoves, 23 de outubro de 2014

Atrapamos a gran mancha solar

A imaxe reflectida do Sol amosa a gran mancha solar
Un dos primeiros europeos en deixar constancia por escrito da existencia de manchas solares foi, Galileo Galilei. Parece ser que as observou por primeira vez unha mañá na que o ceo estaba anubado. Seguiunas estudando ao longo do tempo e comprobou que cambiaban de posición. Foi así como descubriu que o Sol rotaba sobre si mesmo.
Dende entón, vixiamos as manchas solares, ás veces hai moitas, ás veces desaparecen por completo, como pasou hai uns anos ou durante a pequena idade de xeo europea. Estes días o satélite da NASA, Soho, envía imaxes dunha xigantesca  mancha solar. Podemos vela pola nosa conta? Si, pero só se temos un telescopio con filtro solar, unhas gafas de eclipse en bó estado ou algún sistema que nos permita observar a imaxe reflectida do Sol. Isto último foi o que fixemos nós hoxe para observalo dende o Praia Barraña. Atrapado na caixa de cartón do Solarscope o Sol amosounos a gran mancha.

mércores, 22 de outubro de 2014

Por que sabemos que xa non hai virus do Ébola no sangue de Teresa Romero?

Kary Mullis, o inventor da PCR
Por que isto é o que din as dúas últimas PCR que se lle realizaron. En calquera periódico que abramos hoxe, encontramos esta información e o nome deste test descoñecido para a maioría. Pero, de que tipo de proba se trata? Que significan as siglas PCR? Procedemento completamente rutinario? Podería ser, pero non. PCR son as siglas en inglés da reacción en cadea da polimerase (Polymerase Chain Reaction), unha análise de ADN que permite identificar a pegada xenética dun virus no sangue da persoa infectada. Preguntarédesvos como é posible, co pequenos que son os virus e o pouco material xenético que teñen. A explicación está en que a PCR permite obter enormes cantidades de ADN a partir dunha cantidade moi pequena, como a que pode obterse nunha mostra de sangue.
Esta técnica debémoslla ao xenial bioquímico norteamericano, Kary Mullis que a puxo a punto en 1986. O seu descubrimento revolucionou de tal maneira a Bioloxía Molecular que o fixo merecedor do Premio Nobel de Química en 1993.
No caso do virus do Ébola, existe un pequeno problema para aplicar esta técnica: non ten ADN, os seus xenes son de ARN. Afortunadamente, existe unha encima, a retrotranscriptase, unha pequena máquina molecular, capaz de transformar o ARN en ADN, listo para ser amplificado pola PCR. Se non hai virus non hai ARN para transformar en ADN, non hai amplificación e o resultado da PCR é negativo.

domingo, 19 de outubro de 2014

O Universo que coñecemos

A expansión do Universo a través do tempo
Levamos dúas semanas traballando o tema do Universo. Fomos repasando tódalas etapas da súa evolución, dende o seu nacemento hai 13.700 millóns de anos ata a actualidade. Soubemos do descubrimento que fixo Edwin Hubble mentres analizaba a luz que chega das galaxias: todas agás Andrómeda se afastaban de nós como se o Universo se estivese expandindo. Coñecemos a explicación que deu Georges Lemaître, a onda expansiva provocada por un ovo cósmico que estoupou e deu orixe á materia, ao tempo e ao espazo. O grande estoupido, Big Bang, chamoulle burlonamente, o astrónomo Fred Hoyle. Georges Gamow, si que o tomou en serio e fixo unha serie de predicións, entre elas, que o estrondo dese grande estoupido seguía chegando a nós en forma de radiación de fondo de microondas. Vimos como a serendipia (e non o método científico) levou aos enxeñeiros Penzias e  Wilson a descubrir esa radiación. Polo camiño, estudamos a explicación que deu Einstein á forza gravitatoria e as aportacións fundamentais de Stephen Hawking á comprensión das singularidades, nomeadamente os buracos negros. Cando empezabamos a comprender este Universo, enteirámonos de que, dende hai algunhas décadas, sábese que todas estas galaxias que podemos observar, non son máis que unha mínima porcentaxe da materia do Universo, o resto non podemos vela, iso si, sabemos que está aí en forma de materia escura e dunha enerxía descoñecida, - descuberta por Perlmutter, Schmidt e Riess - que se opón á forza da gravidade e está acelerando a expansión do Universo, a enerxía escura. Cando nos dedicamos ao estudo da Cosmoloxía,  somos de verdade, como peixes intentando descubrir como é o mundo fóra do océano?

domingo, 12 de outubro de 2014

Ébola en Madrid

Mapa da epidemia en África
O virus do Ébola é o causante dunha grave enfermidade hemorráxica para a que non existe vacina nin tratamento que garanta a súa curación.
É unha enfermidade emerxente, descoñecida para a ciencia ata os anos setenta do pasado século XX. Mais dende a súa aparición na República Centroafricana do Congo leva décadas espallándose por África. Na actualidade, Liberia e Serra Leoa están sufrindo un gravísimo brote da enfermidade.
A facilidade e rapidez coa que podemos viaxar dun lugar a outro do planeta, fai temer que o virus, provoque unha pandemia .
A repatriación de varios cooperantes contaxiados aos seus países de orixe, permitiu a chegada do virus, de maneira controlada, a diversas cidades europeas e norteamericanas.
En Madrid acaba de producirse o primeiro contaxio documentado do virus fóra de África. A persoa afectada é unha auxiliar de enfermería que atendeu, de maneira voluntaria e sen entrenamento previo,  a dous misioneiros que finalmente faleceron a causa desta enfermidade. Investígase en que momento se rompeu o protocolo de seguridade.
Dous datos para a tranquilidade, o virus só se transmite por contacto directo de persoa a persoa e fóra do corpo humano, en contacto co aire,  degrádase en poucas horas.
Cales credes que son as claves para frear  as pragas do século XXI? Que vos parecen, para empezar, sistemas sanitarios públicos sólidos e de calidade, cooperación internacional e educación?

mércores, 8 de outubro de 2014

Benvidos

Galileo Galilei
Benvidos e benvidas un ano máis ás Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Ciencias culturais e humanísticas que nos interesan a todos. Ciencias centradas nos grandes problemas de interese científico e de interese social. Ciencias útiles, agora e no futuro.
Como as imos estudar? Facendo fincapé nos protagonistas da ciencia, nos científicos e científicas, deténdonos nos que van máis alá do paradigma, os que fan ciencia de fronteira.
Por iso nos interesan Galileo Galilei,  ou Nicolás Copérnico. Ou mesmo Giordano Bruno. E falando del, pensades que paga a pena morrer pola ciencia ou é mellor ser prudente? Apetécevos debatelo en clase?
Neste momento estamos no primeiro tema, O noso lugar no Universo.
Estudamos a orixe e estrutura do Universo, pasando das galaxias ás estrelas e destas aos sistemas planetarios. Despois deterémonos na Terra para estudar a orixe da vida ata a aparición do Homo sapiens. E a partir de aí comezaremos a profundizar nos problemas e retos aos que se enfrenta a nosa especie: pragas do século XXI, quentamento global, ecoloxía, desenvolvemento sostible, revolución xenética, novos materiais, revolución dixital.
Se ao final de curso, ademais de tervos achegado a todos estes temas e ter feito un seguimento da actualidade científica nos vosos blogs, sodes capaces de:
  1. Defender unha tese con argumentos
  2. Diferenciar entre ciencia e pseudociencia
  3. Diferenciar entre feitos e opinións  
Teredes aprendido a utilizar algúns procedementos  da ciencia que vos resultarán útiles sempre. Atrevédevos a intentalo. Ánimo!