Para terminar este curso e aproveitando que estamos no decenio das Nacións Unidas sobre a biodiversidade, imos repasar este concepto, moi simple pero esencial para entender o que nos xogamos cada vez que unha especie desaparece para sempre do planeta.
A biodiversidade ou diversidade biolóxica é a variedade de seres vivos que existen na Terra. Este termo refírese tanto á variedade de especies como ás diferenzas xenéticas entre individuos da mesma especie. A extinción de especies provoca a perda de biodiversidade.
Ao longo da historia da vida na Terra, as especies apareceron, poboaron o
planeta durante un tempo máis ou menos longo e finalmente desapareceron
para sempre. Este proceso progresivo e continuo coñécese como extinción de fondo. Moi diferentes son as extincións masivas que provocan a
desaparición repentina de moitas especies en moi pouco tempo.
O rexistro fósil fálanos de cinco extincións en masa e destas a máis coñecida é , sen dúbida, a que tivo lugar hai 65 millóns de anos, foi provocada pola caída dun asteroide no Golfo de México e acabou cos dinosauros.
O rexistro fósil fálanos de cinco extincións en masa e destas a máis coñecida é , sen dúbida, a que tivo lugar hai 65 millóns de anos, foi provocada pola caída dun asteroide no Golfo de México e acabou cos dinosauros.
Unha
boa parte da comunidade científica pensa que o ritmo de extinción de
especies que se está producindo na actualidade é o correspondente a unha extinción en masa, a sexta, provocada esta vez polo ser humano e o seu
modelo de desenvolvemento insostible que causa contaminación, quentamento global, sobreexplotación dos recursos, desertización, sobrepoblación e perda de biodiversidade.
Vivimos nun planeta que dispón de recursos suficientes para
satisfacer as necesidades de tódolos seres humanos que o habitamos.
Falamos de necesidades básicas de alimentos, roupa, vivenda ou
transporte, entre outras. Agora ben, a Terra, aínda sendo inmensamente
rica, non contén recursos suficientes para satisfacer a nosa cobiza, a
nosa demanda implacable dun número cada vez maior de bens de consumo que
acumulamos e renovamos sen ningún control. Consideramos que vivimos moi
ben e non estamos dispostos a renunciar á nosa forma de vida.O termo desenvolvemento sostible alude a posibilidade de, introducindo cambios moi importantes, conseguir unha boa calidade de vida para todos e todas, sen poñer en perigo as necesidades das xeracións futuras. Porque o planeta Terra non nos pertence, só estamos aquí de paso. Recordádeo mentres desfrutades dos meses de verán. Boas vacacións!
Ningún comentario:
Publicar un comentario