Translate

martes, 12 de abril de 2016

luns, 11 de abril de 2016

Xenómica e ambiente, unha lección maxistral de Anxo Carracedo

Fotografámonos co doutor Carracedo
O pasado 1 de abril, un grupo de alumnos e alumnas de Bioloxía de 2º de Bacharelato asistiron á conferencia que sobre xenómica e ambiente impartiu o doutor Anxo Carracedo no Coliseo Noela de Noia. Partindo da historia do Proxecto Xenoma Humano, e utilizando múltiples exemplos, algúns extraídos das súas propias investigacións, foinos introducindo no apaixoante mundo da investigación biomédica do século XXI.
Falounos de xenómica, de epixenómica e do microbioma.  De polimorfismos dun só nucleótido (SNPs), dos proxectos ENCODE e Hap-Map. Da mutación de "splicing" presente en tódolos cancros de mama de orixe xenética que se diagnostican en Galicia. Explicounos a importancia evolutiva dunha característica xenética que proporciona ás persoas que a posúen a necesidade de buscar cousas novas ("novelty seeking"). Contounos que esa característica que noutros contextos é unha vantaxe,  fai que teñan dificultades para adaptarse ao noso sistema educativo, e que sexan diagnosticadas de TDAH e medicadas. 
O interese dos temas tratados, traduciuse nun longo e animado coloquio. Antes de regresar tivemos a oportunidade de falar persoalmente con Anxo Carracedo, que seguiu compartindo con nós a súa sabiduría e sentido do humor e soubo contaxiarnos co seu optimismo.
Aquí podedes ver o vídeo da conferencia. Recoméndovolo.

venres, 8 de abril de 2016

Centro de visitantes Telesforo Bravo. Parque Nacional do Teide

O pasado 15 de marzo, dentro do Intercambio Climático con Canarias, visitamos o centro Telesforo Bravo, situado no concello tinerfeño de La Orotava. Unha vez alí, realizamos un percorrido virtual polo Parque Nacional do Teide. Entre outras moitas informacións relevantes, sorprendeunos saber a importancia que un ave migratoria, como o merlo capiblanco, ten para a reprodución do cedro do Teide e como o quentamento global está facendo que o merlo non necesite viaxar tan ao sur para invernar, poñendo en  perigo a supervivencia do cedro.  O resume dese día tocounos facelo a nós e contámolo neste vídeo. Nel tamén falamos de dous dos científicos que contribuíron á medición da altitude do Teide, o francés, Jean Charles Borda, e o pai da xeografía moderna, o alemán Alexander von Humboldt.

Mergullo con Océano Sostenible no Porto de Adeje (Tenerife)

Hoxe imos compartir con vós unha das actividades máis emocionantes que realizamos durante o Intercambio Climático con Canarias. Os  20 alumnos galegos do IES Virxe de Mar de Noia, do IES Poeta Añón de Outes, do IES Praia Barraña de Boiro, do IES Rosalía de Castro de Santiago e do CIP dos Dices de Rois, e os seus pares de intercambio, desprazáronse ás 8:30 do martes 16 de marzo de 2016 para estudar a recuperación do fondo oceánico do Puertito de Adeje que se está a levar a cabo dende o ano 2009 no marco proxecto Océano Sostenible.
Cada alumno descendeu 10 metros de profundidade ata visualizar ben o fondo. Para facelo tivo á súa disposición o equipamento necesario para o mergullo con botellas de aire e en todo momento estivo acompañado por un mergullador do proxecto Océano Sostenible. Durante o descenso observaron a fauna, formacións rochosas e algas do fondo recollendo imaxes de foto fixo e de vídeo. Na organización da actividade o grupo dividiuse en catro equipos de traballo de 10 estudantes cada equipo.

Antes de iniciar o mergullo os 40 alumnos implicados no intercambio recibiron a visita da Concelleira de Medio Ambiente do Concello de Adeje, quen deu a benvida aos alumnos e presentou a aula do mar que están a impulsar dende o concello no marco do proxecto Océano Sostenible. Con motivo desta visita, os alumnos procederon a desenvolver un acto simbólico para lembrar a participación de Climántica 2016 nesta actividade nas costas de Adeje. Este acto consistiu na liberación dunha pardela e dunha tartaruga que recuperaron os servizos veterinarios da aula do mar. No caso da tartaruga analizouse o complexidade da recuperación, pois a intervención consistiu en reparar os danos que lle ocasionou unha hélice dun barco, requirindo dunha reparación mediante o uso de fibra de vidro.