Translate

xoves, 11 de febreiro de 2016

12 de febreiro, día de Darwin

O 12 de febreiro de 1809 nacía Charles Darwin en Shrewsbury, Inglaterra. Foi un neno curioso, moi interesado na natureza. Con dezaseis anos, comezou a estudar Medicina na Universidade de Edimburgo, pero acabou licenciándose en Cambridge, logo de recibir unha formación variada orientada á súa ordenación como sacerdote. Ao rematar os seus estudos, en 1831, embarcou no Beagle como naturalista. Durante cinco anos viaxou polas costas de Sudamérica e estudou a flora e a fauna dos lugares nos que o barco facía escala. Quedou impresionado pola diversidade de especies que observou. Quería saber cal era a orixe desa diversidade e a orixe das especies. Esta viaxe sería fundamental para  o desenvolvemento das súas ideas evolucionistas. 
Xa de volta en Inglaterra, casou, formou unha familia e dedicou os seguintes vinte anos da súa vida a ordenar as cuantiosas anotacións que recollera durante a súa viaxe no Beagle e a escribir a sua teoría da evolución por selección natural. O medo ao rexeitamento por parte da sociedade, profundamente fixista, da época levou a Darwin a retrasar a publicación do seu traballo.
Así que cando en 1858, Darwin recibe a carta dun naturalista novo chamado Alfred Russell Wallace, que chegara ás mesmas conclusións que el, de maneira independente e que lle enviaba un resume excelente das ideas fundamentais da evolución por selección natural, decátase de que ten que rematar o seu libro, "A Orixe das Especies" que se acabaría publicando en 1859. 
O seguinte documental, en inglés, fala das dificultades persoais e profesionais que tivo que afrontar Darwin durante ese ano.


Descubertas as ondas gravitacionais

Imaxinade dous buracos negros cunha masa comprendida entre 29 e 36 veces a do Sol fusionándose a unha distancia de 1.300 millóns de anos luz do noso planeta. Nese momento o equivalente a tres masas solares convírtese en enerxía nunha fracción de segundo. A desaparición case instantánea desa enorme cantidade de masa provoca unha perturbación no espazo-tempo que viaxa polo Universo en tódalas direccións. Pois ben, esa perturbación captouse o pasado 14 de setembro na Terra, en dous detectores, un operado polo Caltech e outro polo MIT, separados por unha distancia de 3000 km, dentro do experimento LIGO. Antes de continuar, recordarvos que no espazo, máis lonxe significa máis antigo. Acabamos, pois, de recibir o sinal dun suceso que tivo lugar hai 1.300 m.a. Digamos que se se tratase de son acabariamos de escoitar o estoupido producido pola colisión de dous buracos negros. Pero o que acabamos de captar son nin máis nin menos que as ondas gravitacionais que Einstein prediciu na súa Teoría da Relatividade Xeral. 
Para os astrofísicos e para todos nós é como ter un sentido máis para explorar o Universo. Ata agora só podiamos investigar aqueles lugares do Universo que nos enviaban fotóns, de todo tipo, dende raios gamma a ondas de radio. Todo aquilo que non emitía fotóns era invisible para nós. Se agora somos capaces de detectar ondas gravitacionais, poderemos por fin investigar a materia escura?


Confirmación do descubrimento das ondas gravitacionais



martes, 2 de febreiro de 2016

Luz verde para a modificación de embrións humanos

Kathy Niakan investigadora do instituto Francis Crick de Londres
Os investigadores británicos acaban de recibir a autorización para modificar xeneticamente embrións humanos. A doutora Kathy Niakan que investiga en células nai, poderá aplicar a embrións humanos a técnica coñecida como edición xenómica, concretamente a Crispr-Cas9, unha especie de poderoso corta e pega xenético que permite a modificación rápida da información contida no ADN. Esta técnica descuberta hai tres anos polas investigadoras Jennifer Doudna e Emmanuelle Charpentier revolucionará o tratamento das enfermidades de orixe xenética, ao permitir a corrección dos xenes defectuosos. Niakan que traballa no instituto Francis Crick terá permiso para estudar embrións humanos de ata 14 días - momento no que o embrión ten unhas 250 células - pero non poderá implantalos en mulleres. Activará e silenciará distintos xenes e estudará o efecto das súas modificacións no desenvolvemento de estruturas embrionarias como a placenta. Os embrións procederán de excedentes de fecundación in vitro doados polos seus proxenitores. Esta investigación permitirá mellorar os tratamentos de fertilidade e os das enfermidades xenéticas. Así e todo, suscita problemas éticos, ao abrir a porta á modificación xenética do ser humano.

domingo, 17 de xaneiro de 2016

Sementes nutritivas para un futuro sostible

http://www.fao.org/fileadmin/user_upload/pulses-2016/logos-resources/LOGO_IYP-pt-high-horizontal.jpg 
Este é o ano das leguminosas. Este inmenso e diverso grupo de vexetais inclúe os toxos, a alfalfa ou as mimosas, pero tamén, as lentellas, as fabas, os feixóns, as ervillas ou os garavanzos. Estas sementes, moi ricas en proteínas, son o alimento do futuro. Mesturadas con cereais constitúen un alimento completo para os seres humanos. Tamén son unha boa fonte de proteínas para os animais. Son imprescindibles nunha dieta saudable e axudan a previr a obesidade, a diabetes, as enfermedades coronarias e o cancro. Ademais as leguminosas viven en simbiose con bacterias fixadoras do nitróxeno, co cal aumentan a fertilidade dos solos nos que se plantan. Aproveitade para saber máis sobre elas e se vos gusta cociñar probade con este recetario de pratos con legumes da FAO.



martes, 1 de decembro de 2015

Obxectivo: acabar coa SIDA en 2030

O VIH é un retrovirus  que foi illado por primeira vez en 1983, no Instituto Pasteur de Paris. Este descubrimento culminaba anos de traballo na percura do axente causal dunha nova e descoñecida enfermidade infecciosa e mortal que destruía o sistema inmune. Os enfermos morrían a causa de infeccións oportunistas provocadas por microorganismos, como o fungo Pneumocystis, inofensivo para as persoas sás. A enfermidade recibiu o nome de SIDA (Síndrome de Inmunodeficiencia Adquirida). No ano 2008, o médico e biólogo, Luc Montagnier e a súa colaboradora, Françoise Barré Sinoussi, recibiron o Premio Nobel de Medicina por identificar o VIH.
Dende que se coñeceu a natureza do virus e as súas vías de transmisión comezou a percura de tratamentos eficaces para acabar con el e déronse recomendacións para non contraer a enfermidade: usar preservativos, non compartir xiringas, e facerse a proba se existen sospeitas dun posible contaxio. Aínda que o mellor segue sendo previr a infección, na actualidade existen potentes antirretrovirais que aumentaron enormemente a supervivencia das persoas infectadas polo VIH, medicamentos que permiten imaxinar que no ano 2030, esta enfermidade terá desaparecido
Durante estes anos os enfermos e as súas familias tiveron que loitar ao mesmo tempo contra a enfermidade e contra o estigma e a discriminación que a acompañan. A película, " E  a banda seguía tocando" reflicte moi ben o terror, desconfianza e desconcerto que provocou a aparición da SIDA na sociedade da época e o esforzo realizado pola comunidade científica para resolver o enigma que supoñía esta enfermidade.

luns, 30 de novembro de 2015

Cumio do Clima de París, última oportunidade


Comezou o Cumio do Clima en París. Os países de todo o mundo tratan de chegar a un acordo para diminuír a liberación de gases de efecto invernadeiro a atmosfera. Estas emisións, sobre todo as de dióxido de carbono, están provocando  un aumento da temperatura media da Terra. Unha das consecuencias máis visibles deste quentamento global é a fusión das grandes masas de xeo do planeta que cobren lugares como o Océno Glacial Ártico, a Antártida ou Groenlandia. O aporte masivo de auga, procedente deste desxeo, aos océanos, empeza a provocar un aumento do nivel do mar que fará que extensas zonas costeiras, queden baixo as augas. Parece ser que somos a primeira xeración en notar os efectos do Cambio Climático e a derradeira que pode tomar medidas para evitar a catástrofe ambiental que nos ameaza.  Se pensades que isto non vai con vós, recoméndovos que vexades este video.


Como comezou a vida na Terra?



En realidade, ninguén sabe con certeza como comezou a vida na Terra. Si que parece que se orixinou con certa rapidez. Así que 1000 millóns de anos despois da formación do planeta, xa existían seres vivos poboando os seus océanos. 
Pero, que é a vida? Esta é unha pregunta moi difícil de responder. A falta dunha definición definitiva, podemos citar as características e funcións que presentan os seres vivos: 

1) Posúen estruturas altamente ordenadas que manteñen cun gasto constante de enerxía.
2) Evolucionan e adáptanse a un medio ambiente cambiante.
3) Captan estímulos do medio e elaboran respostas.
4) Reprodúcense e dan lugar a descendentes iguais ou parecidos.
5) Conteñen información xenética que controla o seu patrón de crecemento e desenvolvemento.
6) Procesan enerxía e materia.
7) Regulan as condicións do seu medio interno.

A isto temos que engadir, que a vida require un determinado nivel de complexidade, o nivel celular. Non existe vida fóra da célula. A célula é polo tanto a unidade máis pequena que posúe vida. En canto a importancia, a célula é para a Bioloxía o que o átomo para a  Química.

Á extraordinaria bióloga Lynn Margulis (1938-2011), debémoslle unha das teorías máis rompedoras sobre a orixe das células eucariotas, as que forman moitos seres unicelares e tódolos pluricelulares do planeta,  A Teoría Endosimbiótica ven dicir que a célula eucariota se formou por simbiose de células procariotas. Vamos, que as nosas células son resultado da simbiose entre microbios, concretamente bacterias. No seguinte vídeo podedes escoitar a entrevista que lle fixo Eduardo Punset a Lynn Margulis. Escoitádea con atención.



luns, 23 de novembro de 2015

25 de novembro de 2015, 100 anos da Teoría da Relatividade


O 25 de novembro de 1915  Albert Einstein presentou en Berlín a súa Teoría Xeral da Relatividade. Nun artigo que se publicaría o 2 de decembro dese mesmo ano, Einstein reformulaba a Teoría da Gravidade de Newton, introducindo unha idea novidosa, que a gravidade se produce porque a materia deforma e curva o espazo e o tempo, e que ese espazo-tempo deformado e curvado determina o movemento da materia que se encontra no seu contorno.
 Pasaran dez anos dende que en 1905, cando aínda era un empregado da oficina de patentes de Berna, publicara os catro artigos que convulsionarían  a comunidade científica da época. 
 Primeiro, afirmou que a luz, considerada unha onda naquela época, en realidade estaba formada por unhas partículas que hoxe en día chamamos fotóns, ampliando a Mecánica Cuántica de Max Planck.
 A continuación, publicou cálculos que corroboraban a Hipótese Atómica, a idea de que a materia estaba formada por átomos.
Máis adiante, completou a Teoría da Relatividade Especial  que describía un comportamento completamente inesperado do espazo-tempo que provocaba que velocidades, distancias e duracións dependesen do observador.
E para culminar un ano marabilloso publicou a ecuación máis famosa da ciencia:
  E= mc2
 A ciencia progresa pouco a pouco, pero de cando en vez,  unha mente xenial e inspirada como a de Einstein, provoca unha revolución científica. Agora fai falta outra capaz de unificar a gravidade coas outras tres interaccións fundamentais da natureza: a electromagnética, a nuclear forte, e a nuclear débil.



xoves, 12 de novembro de 2015

Viaxamos a bordo de balsas de granito



Levamos varias semanas profundizando na actividade xeolóxica do planeta. Descubrimos que o fondo oceánico se encontra nun proceso continuo de extensión e destrución. Comprobamos que este proceso provoca o desprazamento dos continentes, enormes masas graníticas, lixeiras, que aboian sobre as rochas do manto. Sorprendeunos saber que a maioría destas rochas graníticas se formaron pola fusión dunha codia basáltica antiga en presenza de auga. Todo impulsado pola enerxía que proporciona o calor interno deste planeta de 4.500 Ma. E mentres nos mergullabamos nas grandes teorías da Xeoloxía, descubríase o astro máis lonxano do Sistema Solar,V74104 e o exoplaneta máis próximo a nós, GJ1132b. 





mércores, 4 de novembro de 2015

Grazas por participar no Día da Ciencia en Galego


E aí están atentas e atentos as explicacións e participando a través de Twitter


 Así dá gusto organizar unha actividade. Atendestes á videoconferencia, xunto a 6.200 estudantes de 106 centros de toda Galicia. Recibistes unha lección maxistral de neurociencia, impartida por un profesor universitario e neurocientífico de primeiro nivel, como Xurxo Mariño. Preguntastes activamentente, a través de Twitter , e os máis afortunados obtivestes unha resposta inmediata ás vosas dúbidas. A todos os que colaborastes, asististes e participastes...Moitas Grazas!
E como estamos lanzados a gozar da ciencia en galego, aí vai a ligazón a canle de ciencia en galego que se acaba de estrear en Vimeo. Ánimo, como nos explicaron pola mañá, a lingua que falamos condiciona a nosa maneira de ver o mundo. Nós temos a sorte de falar varias que enriquecen a nosa visión da realidade que nos rodea.
 



venres, 30 de outubro de 2015

O Día da Ciencia en Galego no IES Praia Barraña

O vindeiro mércores 4 de novembro celébrase o Día da Ciencia en Galego. Vós xa sabedes que as linguas son unha riqueza e que todas son válidas para falar e escribir sobre calquera tema. Porén, aínda hai quen pensa que hai linguas máis idóneas que outras para facer ciencia. Por iso, neste día insistimos en que non só se pode facer ciencia en galego, senón que hai grandes científicos facendo ciencia en galego. É o caso do biólogo Xurxo Mariño que investiga no campo da neurociencia. Teremos a oportunidade de escoitalo en directo, durante a proxección da videoconferencia, "A máquina que constrúe a mente e a realidade". Así celebraremos este Día da Ciencia en Galego no IES Praia Barraña. De momento, déixovos este vídeo de Xurxo Mariño.



mércores, 28 de outubro de 2015

Mates e cultura científica


"Una de mates" é unha produción da Cátedra de Cultura Científica da Universidade do País Vasco. Moi recomendable para todos e todas os que desfrutades aprendendo mates a través de vídeos divertidos e de curta duración... Emítense os mércores ás 23:30 en "La 2" de TVE, no programa de divulgación científica "Órbita Laika". Neste amosan como calcular o volume dun cilindro e axúdannos a entender a importancia de saber calculalo. A ver se vos resulta interesante.


martes, 27 de outubro de 2015

Yondelis de Pharmamar primeiro antitumoral español aprobado en Estados Unidos

Ecteinascidia turbinata, organismo do que se obtivo inicialmente a trabectedina



 Na percura de novos principios activos para fabricar medicamentos, as industrias farmacéuticas estudan todo tipo de seres vivos. Foi así como os investigadores da empresa  Pharmamar, fundada en Galicia hai 30 anos, deron coa trabectedina, unha molécula que destrúe as células tumorais dos sarcomas de tecidos brandos como o cancro de ovario, en fases avanzadas da enfermidade. Inicialmente obtívose da Ecteinascidia turbinata, pero na actualidade prodúcese de maneira sintética.
O medicamento leva anos comercializándose en Europa co nome de Yondelis e este mes a axencia americana de alimentos e medicamentos acaba de aprobar o seu uso. Deste xeito, un antitumoral desenvolvido en Galicia, convírtese no primeiro fármaco español aprobado nos Estados Unidos.
Isto danos unha idea da calidade da investigación científica que se leva a cabo no noso país.

luns, 19 de outubro de 2015

Día mundial contra o cancro de mama


Todo comeza un día tras unha consulta médica ou unha autoexploración. A aparición dun bulto no peito é o sinal de alarma. A partir dese momento, é fundamental actuar con rapidez. Hai que confirmar que se trata dun cancro de mama Para iso realízase unha biopsia. Se o resultado é positivo, é dicir, se se detectan células cancerosas, hai que extirpar o tumor. Así se evita que as células malignas migren a outros órganos e se produza a temida metástase. O tecido óseo é un dos primeiros que tentarán colonizar. 
O cancro de mama é o que ten maior incidencia entre as mulleres, aínda que tamén se poden dar casos en homes. A prevención, o acceso a tratamentos eficaces e a investigación médica son as bases da loita contra este cancro. O diagnóstico precoz, nas fases iniciais da enfermidade, é fundamental para que o tratamento teña éxito. 
Aínda que, na actualidade, moitas mulleres conseguen superar o cancro de mama, confiemos en que, a longo prazo, a investigación consiga a cura definitiva desta enfermidade.

xoves, 15 de outubro de 2015

16 de outubro Día Mundial da Alimentación





Tal día coma hoxe, hai 70 anos, creouse a Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO. A misión deste organismo é concienciar do problema da alimentación no mundo e loitar para erradicar a fame, a inseguridade alimentaria, a desnutrición e a pobreza. Tamén impulsar o progreso económico e social para todos, e a utilización sostible dos recursos naturais. O lema deste ano é: O reto da fame cero. Unidos por un mundo sostible.
  • Cero retraso no crecemento de nenos e nenas menores de dous anos.
  • Que o 100% das persoas teñan acceso a unha alimentación axeitada ao longo de todo o ano.
  • Que tódolos sistemas alimentarios sexan sostibles.
  • Aumentar o 100% a produtividade e o ingreso dos pequenos produtores.
  • Cero desperdicio de alimentos e perdas postcolleitas. 
O seguinte vídeo, amósanos as dimensións que acada o desperdicio de alimentos nos países máis desenvolvidos do planeta e como afecta este desperdicio aos países produtores, menos desenvolvidos.
Podémonolo permitir?