Translate

mércores, 8 de outubro de 2014

Benvidos

Galileo Galilei
Benvidos e benvidas un ano máis ás Ciencias para o Mundo Contemporáneo. Ciencias culturais e humanísticas que nos interesan a todos. Ciencias centradas nos grandes problemas de interese científico e de interese social. Ciencias útiles, agora e no futuro.
Como as imos estudar? Facendo fincapé nos protagonistas da ciencia, nos científicos e científicas, deténdonos nos que van máis alá do paradigma, os que fan ciencia de fronteira.
Por iso nos interesan Galileo Galilei,  ou Nicolás Copérnico. Ou mesmo Giordano Bruno. E falando del, pensades que paga a pena morrer pola ciencia ou é mellor ser prudente? Apetécevos debatelo en clase?
Neste momento estamos no primeiro tema, O noso lugar no Universo.
Estudamos a orixe e estrutura do Universo, pasando das galaxias ás estrelas e destas aos sistemas planetarios. Despois deterémonos na Terra para estudar a orixe da vida ata a aparición do Homo sapiens. E a partir de aí comezaremos a profundizar nos problemas e retos aos que se enfrenta a nosa especie: pragas do século XXI, quentamento global, ecoloxía, desenvolvemento sostible, revolución xenética, novos materiais, revolución dixital.
Se ao final de curso, ademais de tervos achegado a todos estes temas e ter feito un seguimento da actualidade científica nos vosos blogs, sodes capaces de:
  1. Defender unha tese con argumentos
  2. Diferenciar entre ciencia e pseudociencia
  3. Diferenciar entre feitos e opinións  
Teredes aprendido a utilizar algúns procedementos  da ciencia que vos resultarán útiles sempre. Atrevédevos a intentalo. Ánimo!

Ningún comentario:

Publicar un comentario