A expansión do Universo a través do tempo |
Levamos dúas semanas traballando o tema do Universo. Fomos repasando tódalas etapas da súa evolución, dende o seu nacemento hai 13.700 millóns de anos ata a actualidade. Soubemos do descubrimento que fixo Edwin Hubble mentres analizaba a luz que chega das galaxias: todas agás Andrómeda se afastaban de nós como se o Universo se estivese expandindo. Coñecemos a explicación que deu Georges Lemaître, a onda expansiva provocada por un ovo cósmico que estoupou e deu orixe á materia, ao tempo e ao espazo. O grande estoupido, Big Bang, chamoulle burlonamente, o astrónomo Fred Hoyle. Georges Gamow, si que o tomou en serio e fixo unha serie de predicións, entre elas, que o estrondo dese grande estoupido seguía chegando a nós en forma de radiación de fondo de microondas. Vimos como a serendipia (e non o método científico) levou aos enxeñeiros Penzias e Wilson a descubrir esa radiación. Polo camiño, estudamos a explicación que deu Einstein á forza gravitatoria e as aportacións fundamentais de Stephen Hawking á comprensión das singularidades, nomeadamente os buracos negros. Cando empezabamos a comprender este Universo, enteirámonos de que, dende hai algunhas décadas, sábese que todas estas galaxias que podemos observar, non son máis que unha mínima porcentaxe da materia do Universo, o resto non podemos vela, iso si, sabemos que está aí en forma de materia escura e dunha enerxía descoñecida, - descuberta por Perlmutter, Schmidt e Riess - que se opón á forza da gravidade e está acelerando a expansión do Universo, a enerxía escura. Cando nos dedicamos ao estudo da Cosmoloxía, somos de verdade, como peixes intentando descubrir como é o mundo fóra do océano?
Ningún comentario:
Publicar un comentario