A maioría de vós xa lle perdestes o medo a escribir e iso nótase nos vosos blogues que empezan a amosar as vosas preferencias e o voso estilo persoal. Noraboa e seguide así. E os demais? Os que aínda non estades convencidos de que podedes escribir un blogue? Pois, aproveitando que hoxe é o día da ciencia, vouvos poñer por escrito as recomendacións das que falamos estas últimas semanas. Non é necesario que a entrada sexa excesivamente longa. Unhas poucas liñas escritas por vós son suficientes. Tede claro que é o que queredes contar e como queredes contalo. Non está de máis que fagades un esquema. Recordade que o texto ten que ter tres partes, a introdución, o corpo e as conclusións. Ordenade as vosas ideas e buscade feitos ou exemplos que as apoien. Despois, empezade a escribir. Cando rematedes, deixade repousar o texto, aínda que só sexa por pouco tempo e volvédeo ler máis adiante. Repasádeo de principio a fin. Engadide texto, quitádello, cambiádeo de posición, comprobade a puntuación, o uso dos verbos e a ortografía.Unha vez terminada a redacción, engadide unha imaxe e unha ligazón que amose as fontes que utilizades e a vosa entrada estará lista. Necesitades máis consellos?Cando empezades?
Ningún comentario:
Publicar un comentario