Mañá, 24 de novembro, cumpriranse 155 anos da publicación do que está considerado o libro de Bioloxía máis importante xamais escrito: A Orixe das Especies. O libro no que Charles Darwin expuxo a súa Teoría de Evolución por Selección Natural.
Sabemos que a Darwin non se lle ocorreu esta teoría simplemente polas observacións que realizou mentres viaxaba no Beagle. Por suposto que foron fundamentais, pero tamén o foron os traballos doutros científicos. Nomeadamente, os do xeólogo Charles Lyell e os do economista Thomas Malthus. Lyell afirmou que a Terra se formara gradualmente mediante procesos moi lentos que transcorreran ao longo de moitísimo tempo. Malthus estudou as poboacións humanas e descubriu que cada ano nacían máis individuos dos que morrían. Chegou a conclusión de que a poboación medraba con máis rapidez que os alimentos. Prediciu que chegaría un momento no que non habería recursos para todos e a humanidade se enfrontaría á fame negra e a enfermidade.
Neste contexto intelectual, Darwin construíu a súa extraordinaria teoría da evolución. Grazas a el, descubrimos que as especies que habitan a Terra cambian co paso do tempo - o que Darwin chamou descendencia con modificación - e soubemos que tódolos seres vivos estamos emparentados e compartimos un antepasado común.
Propóñovos un reto, lede este libro, ou polo menos, botádelle un ollo, asegúrovos que paga a pena. Tendes onde escoller, a opción máis doada, a que eu vos recomendo é ler unha boa tradución. Aquí vos deixo unha en 3 tomos: tomo1, tomo 2, tomo 3. Para os máis atrevidos e as máis atrevidas, con bo dominio do inglés, ou con ganas de adquirilo, directamente a versión orixinal. Ánimo, todo o que falamos en clase sobre a teoría de Darwin e moito máis está aí, contado por el mesmo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario